Petroglifo da Pena Ferrada

Petroglifo da Pena Ferrada

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santo Estevo de Vilamor
Situación detallada: 
San Estevo de Vilamor (Toques) /Santiago de Vilouriz (Toques)
Cronoloxía: 
Indetermindada

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 33,90´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 38,27´´ W
X: 
586.155,66
Y: 
4.754.998,37

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Trátase dun afloramento de gneis que se sitúa no propio trazado, hoxe en desuso, do antigo Camiño Primitivo a Santiago (ou Camiño de Ovedo). Correspóndese co tramo que discorre entre as aldeas de Vilouriz e Vilamor. Algúns autores consideran que pode tratarse do antigo trazado da Vía Romana XIX (que comunicaba  Lugo con Braga).

A Pena Ferrada configúrase como un gran afloramento rochoso, disposto en sentido leste-oeste, cun alombamento central que lle outorga unha forma semiesférica. A rocha presenta diaclasas (fisuras ou fendas naturais), e tamén algunha extracción pero destaca por ter representados tres motivos gravados ou petróglifos.

Na parte leste aparece representada unha cazoleta ou coviña, de 10,5 cm. de diámetro, á que se lle ven claramente as estrías do proceso de labrado. Os outros dous motivos (situados ó oeste da coviña) son dous podomorfos  (pegadas de pes ou pezuñas) de pequeno tamaño. Un deles presenta forma alongada consistente en dous tramos lineais converxentes unidos nun extremo, no que aparecen marcadas dúas posibles dedas. A segunda pegada amosa unha forma máis pechada, e nun dos seus extremos conta con dous buratiños dispostos en paralelo.

Non responden ós motivos característicos dos demais podomorfos que representan pegadas de cérvidos, en forma de graos de café.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: A Pena Ferrada". Boletín nº 20 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2007.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Gómez Vila, Javier: "Prospección arqueolóxica do Camiño Primitivo e da Vía Romana XIX nos Concellos de Toques e Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "O petróglifo da Pena Ferrada". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Os Petróglifos na Terra de Melide", artigo publicado no blog do Museo http://museodaterrademelide.blogspot.com/, xullo 2018.

 

Outros elementos do catálogo