Ponte da Pena

Ponte da Pena

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Santiso
Situación detallada: 
A Pena
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 50´ 39,17´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 54,44´´ W
X: 
576.392,76
Y: 
4.743.939,13
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Ponte da Pena tamén é coñecida coma Ponte de O Sexo por comunicar coa citada parroquia de Santiago do Sexo do Concello veciño de Agolada. Esta ponte en avanzado estado de ruína servía para cruzar o río Ulla á altura, do tamén ruinoso, Muíño da Pena. Ambos elementos patrimoniais atópanse nunha fermosa paraxe natural situada a moi pouca distancia da cola do Encoro de Portodemouros, no que abundan masas de arborado autóctono e de ribeira e onde o Ulla descende formando rápidos e correntes.

Actualmente pouco se conserva en pe da vella ponte, unicamente os dous estribos de arrinque, un deles ó carón do muíño, na beira norte, e outro estribo e un piar exento, na ribeira sur, xa en terras de Agolada. Ó carón do muíño da Pena aínda pode verse outro piar desmoroado, que se apoiaba nunhas penas que agroman no medio do río.

Desta ponte fálanos Xosé Manuel Broz no libro "Santiso na Terra de Abeancos", referindo como contaba con catro piares de mampostería (contando estre eles cos estribos) e que estaban "rematados en pico triangular, a xeito de tallamar; piso de vigas e taboas, con varanda nos laterais. foi derrubado un piar cunha enchente e non se volveu a reconstruir, quizais por haber xa pistas e estradas e por esmorecer a actividade do Muíño da Pena". Tamén recolle as informacións facilitadas por Luís Roibás, veciño de Rairiz, quen relata que  "... cando quedaban só as vigas porque xa apodreceran as táboas, ... a xente e as mulas pasaban polas vigas... nos tempos do estraperlo...".

Esta ponte de estribos e piares de pedra con taboleiro e varandas de madeira asemellábase a outra que existía en Ribadulla, tamén construída para atravesar o río Ulla, e que se perdeu coa construción do encoro de Portodemouros.

 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

 

Outros elementos do catálogo