Casa con patín en San Xiao

Casa con patín en San Xiao

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xiao de Zas de Rei
Situación detallada: 
San Xiao
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 33,14´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 7,56´´ W
X: 
577.333,91
Y: 
4.754.869,71
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de San Xiao de Zas de Rei, consérvase en estado moi precario unha vivenda tradicional antiga, que presenta pautas propias da arquitectura popular galega, pero como se pode ver nas fotos o seu estado de conservación é preocupante.

Broz Rei apunta que a edificación "seica foi escola" polo que de confirmarse estariamos ante un dos exemplos de edificación rural que puido asumir diferentes funcións e usos: vivenda, corte e escola.

Á edificación accédese por un camiño estreito que remata nunha eira compartida por varias edificacións. Segundo se pode ver nun debuxo realizado por Xosé Manuel Broz no ano 1995, a casa conta cun patín, ou escaleira exterior, realizada para poder acceder ó piso superior da vivenda. Este patín compleméntase cun fermoso corredor ou solaina de madeira acubillado baixo as augas ou vertente do tellado. O corredor conserva moi deficientemente a súa varanda de madeira, con balaustres rectos a xeito de táboas. Baixo o corredor sitúase a entrada á planta baixa e tamén unha porta lateral de acceso á corte, que posteriormente se lle engadíu un módulo exterior para complementar as necesidades propias da vivenda.

Pola parte traseira da edificación, á que se accede a través dun camiño que morre nunha nave gandeira, tamén existe un módulo de expansión da arquitectura que arangue parte da traseira da mesma, así como da casa lindeira. No piso superior da fachada traseira ábrese unha xanela rectangular en vertical cuxa parte superior chega ata o tellado. A xanela remárcase con xambas e antepeito de canteiría de granito, resaltándose no medio do aparello de cachote do resto da parede.

Hoxe desgraciadamente pouco se pode contemplar da fachada principal, posto que as silvas invaden e ocultan boa parte da arquitectura moi esmerada, na que se asocian á perfección a pedra e a madeira, boa mostra delo son os elementos de soporte da cuberta, nos que os piares de pedra son complementados con apeos de madeira, que serven de apoio do armazón do tellado sobrevoado.

Na Terra de Melide existen diversas modalidades de patíns (ou escaleiras exteriores), habéndoos de diferentes tipos: de xeito sinxelo, no que unicamente aparece a escaleira adosada á fachada e que serve de acceso directo a unha porta exterior, ou tamén cun espazo de tránsito entre o remate da escaleira e a porta, dese xeito é cando se adoitan este tipo de solucións abalconadas que resultan moi características nas arquitecturas tradicionais tanto rurais como mariñeiras. Este tipo de solucións arquitectónicas xa se teñen documentado en contextos castrexos galaico-romanos, de feito existe un patín nunha das vivendas exhumadas no Castro de Santa Tegra (A Guarda) ou en Santomé (Ourense), polo que pode comprenderse que este tipo de recurso funcional resulta moi "aproveitable" e práctico, toda vez que permite acceder ás plantas superiores evitando facelo polo interior da vivenda. Son moitos os exemplos nos que unicamente existe ese acceso á planta alta, solución que supón un mellor aproveitamento do espazo da planta baixa, sen ter que reducir o mesmo trazando unha escaleira interna.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

 

 

 

Outros elementos do catálogo