Conxunto de arquitectura popular en Fontexoán

Conxunto de arquitectura popular en Fontexoán

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
Fontexoán
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 14,08´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 11,47´´ W
X: 
581.309,60
Y: 
4.756.178,74
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A aldea de Fontexoán sita na parroquia de Folladela, actualmente abandonada como tal (xa que so funciona para usos agrogandeiros), correspóndese cun conxunto moi característico da arquitectura tradicional galega. Lamentablemente son moi poucos os conxuntos de arquitectura popular existentes na Terra de Melide, que non sufriron importantes transformacións, que supuxeron a perda da esencia do modelo popular antigo. Este é un dos poucos exemplos que quedan, na que as arquitecturas aínda se manteñen en estado puro a pesar do deterioro producido polo paso do tempo e polo abandono, polo que o interese que ofrece é salientable. Probablemente sexa o conxunto de arquitectura popular menos "contaminado" por actuacións de modernidade mal entendida que se conserva no termo municipal de Melide, polo que é un exemplo do que eran as aldeas do rural da Galicia interior antes da chegada do ladrillo, cemento, uralita, aluminio e plástico.

Hoxe este conxunto conta con acceso reservado, por tratarse dunha propiedade privada pechada, por necesidades gandeiras, pero dende o seu exterior pode contemplarse o xenuíno e característico das vellas arquitecturas. 

No exterior do núcleo habitacional consérvanse dous hórreos con tipoloxía propia da Terra de Melide, nos que se conxuga o emprego da pedra e da madeira, un deles é un hórreo de dúas estremas, e o outro maior, de tres estremas (unha delas engadida e realizada en cemento e ladrillo, única alteración discordante no conxunto).

A continuación asistimos a un conxunto urbanístico abigarrado, no que se anexionan as edificacións adxetivas ás de morada. Destácanse dúas vivendas de dúas plantas e de bo porte, unha delas cuberta a tres augas e outra a catro, en asociación e consonancia con outras máis modestas de planta baixa, que gardan toda a esencia da vella casa labrega, na que se produce un acaroamento de edificacións que serven de complemento (concibidas como solución ás necesidades funcionais). 

O máis chamativo é a técnica construtiva das edificacións, na que o aparello de cachote se conxuga con grandes chantos postos en vertical e tamén o emprego de pezas grandes de canteiría existentes nas portas, que se rematan por un cargadeiro ou lintel de madeira, a xeito de trabe. Vemos por tanto que non existe unha contaminación ou desvirtuado das arquitecturas, o que axuda a entender claramente como son os patróns construtivos tradicionais, polo que pode concluírse que estamos ante un dos últimos exemplos xenuínos de aldea que se conserva na Terra de Melide, posto que se ben é certo que aínda quedan casas antigas sen alterar noutras moitas aldeas, sempre é en convivencia con edificacións nas que a esencia tradicional se perde por completo.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001

 

 

Outros elementos do catálogo