Casa con Archete no Casal de Campos

Casa con Archete no Casal de Campos

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Campos
Situación detallada: 
O Casal
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 52,13´´ N
Lonxitude: 
8. 2´ 42,22´´ W
X: 
577.964,66
Y: 
4.749.909,52
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea do Casal de Campos atopámonos cunha edificación doméstica, tradicional, de moi interesante interese arquitectónico e etnográfico, xa que conta cun archete ou archede, unha solución moi característica da Terra de Melide que serve para acobillar ou amparar a zona da entrada, modificando de maneira moi inxeñosa a vertente propia do tellado da cuberta.

Esta casa de archete correspóndese cunha edificación con planta en forma trapezoidal, dun solo volume, que conta cunha única planta a rentes de chan e dun sobrado ou faiado baixo a cuberta a dúas augas (tellada con tella tradicional do país), en cuxa vertente norte se desenvolve o archete.

A edificación conta con muros exteriores feitos con aparello de cachotaría de diferentes tipos de pedra, xa que aínda que predominan os gneises tamén hai rochas ultrabásicas intercaladas, ademais dalgúns seixos, e como aglutinador do aparello recurriuse a unha arxila barrenta de cor laranxa.

A carpintería do armazón da cuberta e do archete foi realizada en madeira de castiñeiro, empregada en vigas, tercios, pontóns e duelas, sendo moi chamativa a curvatura da viga que posibilitou o derrame a dúas augas do archete.

A construcción dos tellados en archete é unha singularidade destas terras do interior, polo que son elementos que se deben protexer, fundamentalmente debido a que cada vez quedan menos edificacións deste tipo. Na Terra de Melide hai varios exemplos, pero como xa se indicou son cada vez máis escasos. Probablemente o máis cercano ó do Casal sexa o situado na aldea de Trasfontao na parroquia de Moldes (Melide), ademais doutro situado na aldea de Riazón, na parroquia de San Romao (Santiso), que se atopa nun acusado estado de deterioro.

No "Terra de Melide" do Seminario de Estudios Galegos, Vicente Risco xa fala deste tipo de solución de tellados, nos seguintes termos: "unha sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresai da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os peisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis pra deixar vagantío pra a porta...O archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas vigetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontós paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por debaixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta armadilla, atravésanse as doelas". 

Nuns termos semellantes os describe Manuel Caamaño Suárez, como a continuación se recolle: "na cuberta aparece, nos casos de edificacións de muro baixos, un elemento orixinal propio desta tipoloxía, sobre todo nas terras interiores: o archete. Consiste nun pequeno tellado con cumio normal ó corpo básico, apoiado nun lintel de madeira quebrado (conformado a maioría das veces coa forma natrual que tiña na árbore), que ten como función logra-la altura suficiente para un facil acceso á dependencia de almacenamento que hai a continuación". E tamén o define como "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco". 

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rodríguez, Xurxo; Vázquez Neira, Cristina: "A casa con tellado en archete, unha reminiscencia do pasado medieval nas construcións populares da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 35 do CEM-MTM, ano 2022 

Caamaño Suárez, Manuel. "A casa popular" (Cadernos Museo do Pobo Galego 8), 1999.

- Risco, Vicente. "Estudo etnográfico da Terra de Melide" (Capítulo V do "Terra de Melide", Seminario de Estudos Galegos 1933).

Outros elementos do catálogo