Pasais de Raído
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
En pleno trazado do Camiño Francés, a unha distancia de 1,4 km dende a igrexa románica de Santa María de Melide, atopámonos con esta antiga pontella sobre o río Catasol, no tramo comprendido entre O Carballal e Raído. A pontella sitúase nunha paraxe de grande beleza na que predomina o arborado propio do bosque autóctono galego, aínda que por desgraza o antigo arborado está sendo talado por substitución de árbores de repoboación (eucalipto).
A pontella, mal chamada "pasais", atópase no curso baixo do Catasol (afluente do Furelos) e realizouse nunha data indeterminada coa finalidade de favorecer o paso de camiñantes mentres que os carros de vacas e as cabalerías vadeaban o río nesta zona de escaso caudal.
Esta ponte é un dos elementos máis fotografados polos peregrinos que fan este tramo de camiño e que obrigatoriamente teñen que pisar as súas tampas do taboleiro superior, exceptuando os peregrinos que opten pola variante complementaria do Camiño Francés que discorre pola aldea de Penas.
A pontiga ou pontella resposta ós vellos modelos de habilitación de paso en zonas de escaso caudal, nas que non resulta preciso a realización de pontes propiamente ditas. Esta pontella está constituída por sete grandes chantas de gneis de gran tamaño que lembran os ortostatos ou chantos das cámaras das antas megalíticas e que se asenta sobre piares toscos de cachote do mesmo tipo de rocha, cuxa finalidade é a de soster as tampas, servíndolle de apoio e adaptarse ó fondo do leito de xeito que o taboleiro manteña tendencia horizontal. O ancho das chantas sitúase en torno a 1 metro, aínda que pode variar en función do seu desenvolvemento. A altura da pontella levanta tamén 1 metro respecto ó leito de area do vado do río.
Hoxe, polo vado fluvial, pasan ademais das cabalerías dos peregrinos que fan o camiño por este medio, o máis frecuente é o tránsito de tractores que durante os meses de inverno deixan fondas pegadas no propio Camiño de Santiago, contribuíndo á degradación do mesmo, polo que non sempre resulta doado conciliar diversos tipos de intereses e necesidades.
BIBLIOGRAFÍA:
Broz Rei, Xosé Manuel: “O Río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.
Broz Rei, Xosé Manuel: “O antigo Camiño de Santiago desde Melide ao Barreiro”. Publicado no Boletín nº 33 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2020.