Fonte da Nosa Señora de Novela

Fonte da Nosa Señora de Novela

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Novela
Situación detallada: 
Novela
Cronoloxía: 
Século XIX-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 52´ 31,33´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 18,42´´ W
X: 
577.171.65
Y: 
4.747.408,04
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Moi preto da Igrexa parroquial de Santa María de Novela discorre un regato, afluente do Beseña ó carón do cal se ubica un pequeno muíño ou roucho (na marxe norte), e a fonte de Nosa Señora de Novela na marxe sur, a unha distancia duns 25 mt. ó noroeste do muíño.

Na actualidade esta fonte apenas se pode ver por estar tomada polas silvas, aínda que se trata dunha fonte moi estilizada e esbelta. A fonte atópase situada nun recoveco comprendido entre un camiño e o rego, adaptándose ó desnivel do terreo. 

Esta fonte foi realizada en orixe no ano 1879, a pesar de que sufriu reformas no século XX que lle fixeron perder a súa fisonomía orixinal e gracia, ademais de afeala coa incorporación de elementos en cemento e formigón. 

Está composta por tres partes diferenciadas: Pináculo ou remate, pilastra ou corpo e pía.

- Pináculo: consiste na parte máis orixinal e elaborada da fonte. Está realizado enteiramente en canteiría de granito e na súa base troncopiramidal aparece unha  inscrición realizada nunha caligrafía esmerada, na que figura a data de realización (1879) e o nome da fonte: 

                                         1879

                                       FUENTE

                                        D  N. S

                                       NOVELA 

Sobre a base se superpón un corpo moldurado con perfil de caveto, que serve de elemento de transición ó pináculo propiamente dito (cun inicio en forma de base cúbica, sobre a que se asenta unha pirámide estilizada rematada cunha especie de bola).

- Pilastra: ou corpo é o elemento que sufriu máis modificacións recentes, posto que se introduciron elementos de cemento que o afean e desdín. Consiste nun corpo cúbico de caras lisas e esquinas en arista. Na parte inferior pode verse o aparello de canteiría labrada do mesmo, do que parte un cano de ferro sobresaínte polo que mana a auga, mentras que a metade superior aparece recebado con cemento, no que engadiron unha imaxe dunha Virxe en relevo (realizada mediante vaciado ou molde), de escaso valor artístico. Sobre a pilastra tamén se lle dispuxo unha sobrepena corrida de formigón, que lle resta dignidade ó elemento.

- Pía: Tamén se pode corresponder cun dos elementos orixinais do século XIX. Trátase dun vaso realizado nunha soa peza en canteiría de granito, provisto de planta circular e perfil trapezoidal. No seu interior presenta unha base plana e un pequeno burato nun extremo para permitir a saída das augas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

 

 

                                       

Outros elementos do catálogo