Fonte do Marqués

Fonte do Marqués

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María dos Ánxeles
Situación detallada: 
Corbelle
Cronoloxía: 
Indefinida

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 54,47´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 45,21´´ W
X: 
580.574,07
Y: 
4.753.713,92
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Fonte do Marqués, tamén coñecida coma Fonte do Marqués de Pardiñas (propietario da Casa Grande de Corbelle a finais do século XIX), sitúase nunha fermosa paraxe natural na que se mesturan e intercalan prados, outrora terras de labor da propiedade do Pazo, e masas de arborado autóctono e de repoboación.

A fonte atópase no medio dun souto de castiñeiros, nun recoveco ó pe dun noiro, sendo de difícil localización se non se coñece a súa ubicación exacta. Por outra banda tamén resulta complicado dar con ela nos meses de outono e inverno, ó quedar oculta pola caída da folla dos castiñeiros do souto, e so se consigue dar con ela polo tenue marmullo da auga do manancial. Compre sinalar que debido á espesura do arborado as coordenadas que se facilitan nesta ficha son aproximadas, posto que resulta complicado facer un posicionamento exacto.

A parroquia dos Ánxeles destaca pola presenza de fontes tradicionais e pola calidade das súas augas procedentes de mananciais naturais soterráneos existentes no monte de Corbelle, dese xeito existen fontes nos Ánxeles, no Mascaño e tamén en Corbelle, que contan coa particularidade de ser augas moi frescas no verán e atemperadas no inverno.

Esta fonte do Marqués correspóndese cunha fonte de arqueta ou de pozo, semellante ás fontes de Roiriz (Zas de Rei) ou á de San Ramón (Grobas). A tipoloxía destas é sinxela, consistente nun frontal de canteiría provisto de canos ou de ocos de saída da auga, e tras del sitúase unha arqueta, pozo ou vaso que serve de acumulador de caudal e de decantador de partículas e areas (para favorecer que a auga mane máis limpa e depurada). No caso da Fonte do Marqués presenta un frontal de canteiría  (totalmente colonizado de musgo) con tres ocos practicados para a saída das augas que verquen directamente nun rego situado a continuación da fonte.

Sobre esta fonte non se coñece ningún folclore ou lenda asociada, mais xa é suficientemente significativo o seu nome, posto que xa se lle asocia co dono da Casa de Corbelle. Tampouco se lle coñecen a esta fonte propiedades terapéuticas especiais, aínda que se lle recoñece a calidade da súa auga.

 

Outros elementos do catálogo