Muíño do Estreito

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
As Barxas
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 16,36´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 11,95´´ W
X: 
585.334,239
Y: 
4.760.085
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No curso alto do Furelos a algo máis de quilómetro e medio augas abaixo da cascada das Fervenzas, ubícase o muíño do Estreito na marxe esquerda ou leste do río. A paraxe na que se atopa este muíño destaca polo relevo abrupto, no que o río discorre por un val encaixado, posiblemente de aí poida vir o nome do "Estreito", de feito o Furelos nese tramo chámaselle río do Estreito, para posteriormente coñecerse como río Grande á altura de Paradela.

A zona na que se atopa o muíño trátase dunha paraxe completamente deshabitada na que abunda o bosque autóctono e de ribeira, onde o río Furelos acada escaso calado, exceptuando xusto un punto á altura do muíño, onde aínda se conserva unha trabe chea de brións que se corresponde co resto dunha antiga ponte de madeira, cando no río se formou un pozo natural que acada ó redor de 2 metros de fondo.

Deste muíño de maquía pódense destacar moitos aspectos que o singularizan, tanto respecto ó seu porte e características construtivas, como pola saga familiar de muiñeiros que nel traballaron e moraron.

Respecto ó primeiro aspecto é de sinalar que se trata dun amplo muíño de maquía, de tres moas, concibido para a moenda do trigo, do millo e do centeo. A estrutura consta de dous volumes adosados e concibidos para usos propios do muíño e tamén de residencia do muiñeiro e da familia. Ambos constan de dúas alturas e están realizados en aparello de cachotaría perfectamente disposta e aplomada. A pesar de atoparse  nun acusado e imparable proceso de ruína, favorecido polo desmoroamento dos tellados e dos pisos de madeira, que provocaron que o interior se vexa colonizado e invadido de maleza e arborado, a súa estrutura arquitectónica aínda se mantén en pé na maior parte dos espazos, agás na zona traseira do módulo de morada. Chama a atención o aproveitamento de vellas moas de muíño (das "francesas") que se utilizaron para antepeito e xambas da xanela do piso superior da fachada sur da vivenda. 

O muíño propiamente dito correspóndese co módulo situado no extremo norte do conxunto adosado, e na súa parte inferior poden verse nídiamente as tres saídas de auga dos rodicios (o que indica que se trata dun muíño de tres moas), que van a dar a unha gabia artificial que serve de evacuación das augas cara ó río, despois do seu aproveitamento hidráulico.

Tamén é de destacar a relevancia deste muíño como berce dunha saga de artesáns, artistas e gaiteiros, sendo o máis coñecido José María Alfonso García "Muíño", unha figura moi relevante no mundo da gaita galega por ser o inventor e o precursor das palletas e dos pallóns de plástico para as gaitas, posto que o tratarse dun material que acusa pouco as diferenzas de humidade e temperatura, axuda a un afinado pronto e preciso.

Segundo recolle  Xosé Manuel Broz este muíño foi propidade de Inocencio García "do Estreito",  que foi "un dos mellores zoqueiros coñecidos por estas terras e pai dunha xeración de ferreiros e gaiteiros... O seu fillo Manuel García tivo forxa en Prados e logo foi para San Xiao, e de alí marchou para fora e Alfonso García, gaiteiro e facedor de gaitas, e tamén Olegario, Inocencio, Antonio e máis o seu primo Pepe, todos eles gaiteiros...". 

O precursor, Inocencio García, formaba parte dos Gaiteiros de Arxubide xunto os seus irmáns, e o seu neto José María Alfonso herdou del a paixón pola gaita como resalta María Belén García Codesido, nunha biografía sobre a figura de "Muíño", quen dí tamén que o seu avó "lle aprendeu a moer no muíño, a facer zocos e a reparar todo canto nas súas mans caía". Tamén destaca que ó seu regreso da mili (no ano 1956) "o primeiro que fixo foi poñer luz eléctrica no muíño, pero o muíño de centeo tiña a pedra gastada e como non había cartos para mercar unha nova andivo polos montes e atopou unha moi parecida no río de Montelén, a pedra pesaba mil quinientos kilos e tiveron que subila tres parellas de vacas e levoulle corenta días redondeala. Cando botou a andar moía cada cinco minutos quince kilos de grao de centeo. Toda a parroquia de Paradela quedou sorprendida do ben que moía e do ben que facía o pan aquela fariña. Foi tanta a sona que colleu o Muíño do Estreito que chegou ata Friol, e foron en busca de "Muíño" pra que preparara os muíños e así foi como durante unah tempada adicouse tamén a reparar muíños por diferentes pobos".

Todo esmoreceu, cando debido á escasa rendabilidade do muíño nos anos 60, José María Alfonso García "Muíño" vese obrigado a buscar traballo no País Vasco, en Santurtzi.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel: "Os ferreiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 3 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide". Publicado o ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques". Publicado o ano 2011.

- García Codesido, Mª Belén: "Biografía de Muíño. José María Alfonso García". Publicado no Boletín nº 30 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2017.

 

Outros elementos do catálogo