Cruceiro de Visantoña

Cruceiro de Visantoña

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Xoán de Visantoña
Situación detallada: 
Seoane
Cronoloxía: 
Século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 53,74´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 46,62´´ W
X: 
572.460,40
Y: 
4.746.197,05

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O cruceiro de Visantoña atópase nun cruce de pistas, na bifurcación entre a estrada de Visantoña e a pista que leva ata a aldea de Amboaxe.

Este cruceiro cambiou varias veces de emprazamento, e mesmo resultou abatido por maniobras de vehículos danando os seus elementos. Por estar nun lugar tan exposto corre perigo de resultar novamente perxudicado, polo que se debería estudar unha ubicación máis segura.

Trátase dun fermoso cruceiro barroco, que consta de cinco partes: plataforma, basa, fuste, capitel e cruz. 

  • A plataforma constitúese nunha escalinata de feitura troncopiramidal de tres gradas de perfil en bocel.
  • Sobre a plataforma dispónse a basa monolítica, de forma tamén troncopiramidal na que se reproducen os atributos da paixón de Cristo (coroa, escada, tenace, martelo, tres cravos...),  un sapo, unha píntega, un lagarto e unha inscrición ilexible, e nos catro ángulos dispóñense sendas caveiras.
  • O fuste presenta sección oitavada, que se torna en cadrada nos extremos. Na parte superior do mesmo  aparece unha cartela sobresaínte na que figuraba a data de realización, actualmente borrada.
  • O capitel, de sección cadrada, é derivado do composto con volutas nos extremos e anxos nos lados frontais.
  • A cruz é recta con aristas achafranadas. Tamén é figurada, posto que no anverso representa a Cristo crucificado con tres cravos e coa cabeza coroada de espiñas e mirando cara a esquerda. No reverso aparece unha imaxe frontal da Virxe coas mans en actitude orante.

Ata o cruceiro diríxese a procesión na festividade de San Xoán (patrón da parroquia) e no San Agostiño (que se celebra o 28 de agosto).

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

 

 

Outros elementos do catálogo