Archete en Vilaverde

Archete en Vilaverde

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa Mariña de Pedrouzos
Situación detallada: 
Vilaverde
Cronoloxía: 
Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 18,26´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 31,55´´ W
X: 
578.134,29
Y: 
4.756.270,67
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Vilaverde atópase este archete ou archede, que se corresponde cun tipo de cuberta tradicional que tivo bastante presenza na Terra de Melide, pero que por desgraza están a desaparecer. Non sobran moitos exemplos na actualidade, aínda que poden verse algúns máis en Transfontao (Moldes, Melide), nas aldeas de Os Castros e Tombiadoiro (Brañas, Toques), nos Curros (A Capela, Toques) ou tamén en Balocás de Abaixo (Visantoña, Santiso). No Terra de Melide do Seminario de Estudios Gallegos, editado no ano 1933, o afamado etnógrafo e folclorista Don Vicente Risco da conta doutros exemplos e tamén aporta unha magnífica explicación, na que detalla en que consiste este tipo de solucións arquitectónicas tan características destas comarcas do interior, que non adoita verse noutras zonas da xeografía galega.

Como definición dun archete podemos remitirnos a diversas fontes bibliográficas que ilustran graficamente esta curiosa morfoloxía de cubrición, pero entre elas poden destacarse tanto a que fai o propio Risco, moi completa, coma a de outros autores contemporáneos como Manuel Caamaño Suárez quen o define nos seguintes termos: "telladiño en ángulo que sobresae da vertente do tellado xeral, semellante a unha pequena gateira ou bufarda pero sen fiestra que peche o oco".

Máis unha das máis elaboradas e pormenorizadas é a do Terra de Melide na que Vicente Risco refire que: "sorte especial de tellado é o archete, telladiño angular imitante ó das bufardas, que sobresae da vertente do tellado grande. O archete vai polo regular enriba dunha porta que da entrada ó pasadeiro ou a outro paso da casa. Din os paisanos que o archete faise cando o tellado é por aquela parte baixo de máis, pra deixar vagantío pra porta; no feito, temos atopado archetes en tellados que coroan paredes outas dabondo pra non precisaren iste recurso", e pon como exemplo un existente na Casa Reitoral de Paradela (Toques) e outro na Casa dos Fidalgos na aldea de Mosteiro (Serantes, Santiso).

Tamén explica detalladamente como se constitúe a armazón dun tellado destas características tan singulares: "o archete ármase con tres viguetas, dúas que van nos ángulos co tellado principal e outra que fai de cumio, e que apoian por adiante nunha tixeira. Das dúas viguetas de abaixo parten cara adiante dous tercios ou pontóns paralelos ó cumio. A tixeira anterior soe levar por baixo unha viga ou trabe encombada facendo arco, que se escolle xa atergo pra iste emprego. Por arriba desta albardilla atravésanse as doelas".

No exemplo que nos ocupa, na aldea de Vilaverde, pódese apreciar claramente este tipo de viga ou trabe combada ou arqueada situada na parte frontal, escollida e labrada expresamente con esa forma para poder servir de apoio adaptado ó derrame das dúas ás ou vertentes que forma o archete.

Como xa se indicou este tipo de solución tan orixinal, concibida para sacarlle máis proveito ó desenvolvemento dunha cuberta, foi pensado para servir de entrada a un corredor ou paso de distribución entre unha vivenda terrea e as dependencias adxetivas adosadas a ela, como poden ser as cortes do gando ou os cortellos dos porcos. Desa maneira un archete fai ás veces de pórtico de entrada á casa e ós seus espazos complementarios.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.

- Caamaño Suárez, Manuel: "A casa popular". Cadernos do Museo do Pobo Galego nº 8, ano 1999.

- Martínez Risco, Vicente: "Estudo etnográfico da Terra de Melide" en Terra de Melide, Seminario de Estudios Gallegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo