Petróglifo da Regada

https://wiki.openstreetmap.org/wiki/ES:Key:site_type

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Regular
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Pedro de San Román
Situación detallada: 
A Regada, Riazón
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 33,25´´ N
Lonxitude: 
8º 6´ 20,59´´ W
X: 
573.018,38
Y: 
4.749.227,83
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Co gallo dos traballos de seguimento arqueolóxico intensivo das obras da Autovía Santiago- Lugo (Tramo Arzúa- Melide), os técnicos arqueólogos da empresa AXA S.C. identificaron un petróglifo inédito no ámbito inmediato do propio trazado desa infraestrutura viaria.

O achado tivo lugar na zona da Regada, nas proximidades da aldea de Riazón (parroquia de San Romao), nun interfluvio ou divisoria de augas comprendida entre os cursos do Rego de Boente e o Rego Valverde.

O petróglifo, non recoñecido nin catalogado ata o momento, correspóndese co primeiro identificado no termo municipal de Santiso, (aínda que existe a referencia dunha “ferradura gravada arriba da Pena Maior no monte de Pezobre”, recollida por Xosé Manuel Broz Rei no libro “Santiso na Terra de Abeancos” obtida en base a informacións de veciños, pero que non conseguimos dar con ela).

Este novo achado da Regada pasa a ser o terceiro petróglifo de adscrición prehistórica coñecido na Terra de Melide, despois dos de Vilares e o da Pena Ferrada, situados os dous en terras de Toques. Asemade existe outro, de cronoloxía histórica (Idade Media/Moderna), e con funcións de límite de termo, nas inmediacións do Alto do Corisco (na divisoria entre Toques e Sobrado), semellante ós motivos cruciformes do Marco do Hospital, que fai de divisoria entre Toques e Palas de Rei.

Este descubrimento cobra unha manifesta relevancia, posto que induce a pensar que pode haber máis penas insculturadas na nosa bisbarra, e que aínda non saíron á luz.

Este petróglifo da Regada ten como soporte un afloramento alombado con forma “tumular”, situado no medio dun amplo prado con bastante pendente, e que está pechado mediante estacas de madeira e arame de espiño. Chama a atención que o afloramento non é granítico nin de gneis, senón de xisto da “Serie de Ordes”, de considerable dureza. Tanto na elección do soporte escollido como na súa temática de proliferación de coviñas establécese unha grande analoxía co Petróglifo do Monte da Pena Furada, situado no límite entre dúas parroquias do Concello de Touro.

Na parte superior da pena,  que ten a vista un panel aplanado provisto dunhas dimensións de 2,50 metros N-S x 1,06 L-O, distínguense nidiamente alomenos 25 coviñas insculturadas, de diferentes tamaños (comprendidos entre os 2,5 cms. e os 11 cms., e cuxa fondura oscila entre os 0,5 cms. e os 4 cms.).

Respecto á distribución das coviñas pode entenderse que hai unha disposición máis ou menos ordenada e intencional, posto que se intúen alomenos dúas aliñacións delas, de xeito paralelo no eixo NNL/SSO.

En canto ó estado de conservación compre indicar que non é de todo malo, de non ser porque no extremo sur do panel superior (no que se ubican os motivos) hai claras evidencias de procesos extractivos que foron desprendidos aproveitando as liñas oblicuas (buzadas) das diáclases da rocha.

No que atinxe ó conxunto da peneda, compre indicar que a meirande parte dela permanece oculta por terra e por vexetación herbácea de prado, polo que de seguro ten que haber moitos máis motivos ocultos á vista. No panel aflorante agroman musgos, liques e algunhas herbas, fundamentalmente en coviñas colmatadas por terra, e nas liñas das diáclases.

O Museo da Terra de Melide agradece as informacións facilitadas polos arqueólogos da Empresa AXA Arqueoloxía S.C. , posto que este importante descubrimento contribúe tanto a enriquecer o patrimonio arqueolóxico do Concello de Santiso como a aportar maior coñecemento sobre as insculturas rupestres nas comarcas do extremo suroriental da provincia da Coruña, áreas moito menos prolíficas neste tipo de representacións respecto a bisbarras veciñas das provincias de Lugo e Pontevedra (con numerosos exemplos en Terras da Ulloa ou do Deza).

Outros elementos do catálogo