Igrexa de San Martiño de Gondollín
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A igrexa parroquial de San Martiño de Gondollín sitúase nun lugar illado dunha encrucillada de pistas que levan a Tabeira, Lourés, A Garea e Gondollín, e a poucos metros ó sur do curso do rego de Pedrouzos, tamén coñecido como río da Martagona ou río Grande. Nesa encrucillada tamén se ergue o cruceiro do século XVII, nun espazo no que discorre abundante tránsito de vehículos e maquinaria, que teñen ocasionado algún dano ó mesmo.
A igrexa e o seu adro aparecen nun plano sobreelevado ós que se accede mediante seis gradas. Presenta unha nave de planta rectangular, perfectamente ben orientada, á que lle sucede unha cabeceira cadrangular cun anexo cara o norte, correspondente á sancristía. A nave cúbrese a dúas augas ó igual que a cabeceira, que situándose nun plano máis baixo que a anterios, presenta unha vertente prolongada cara ó norte, para tellar a sancristía.
A edificación foi realizada empregando aparello de cachotaría e de canteiría nos esquinais e marqueados de portas e ventás (xambase linteis). O aparello de cachote está oculto á vista, por estar as paredes revocadas e pintadas de branco.
Na fachada principal o máis salientable é o seu frontis, que presenta unha porta principal de acceso de feitura rectangular e alintelada sobre a que se dispón unha ventá ou xanela cadrangular, que da iluminación á tribuna. Coroando a fachada aparece a espadana que conta cun corpo cunha soa troneira rematada en arco, para acoller unha campá, e tamén dun ático cun deseño de frontón triangular cunha pequena troneira baleira e flanqueado por dous pináculos de decoración xeométrica e coroado por outro pináculo con deseño en saeta e rematado por unha cruz de ferro.
Nas fachadas laterais tamén existen diversos vanos que aportan iluminación á nave e á Capela Maior, con feitura rectangular e sección abocinada con doble derrame. Na fachada sur hai outra porta de acceso, de comunicación entre o adro e a nave.
No interior destaca o arco triunfal apoiado en piares embebidos nos machñons rematados por impostas sobresaíntes molduradas. O arco, de medio punto, presenta doelas de canteiría lisas. Se conserva un retablo lateral de estilo Neogótico e na Capela Maior sitúase o principal de estilo Neoclásico, artellado nun corpo de tres rúas e dun ático, en cuxo camarín central se acolle a imaxe de San Martiño, o patrono desta parroquia.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide", publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.