Casa de Baladás

Casa de Baladás

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Vicente de Vitiriz
Situación detallada: 
Baladás
Cronoloxía: 
Século XVI con reformas nos séculos XVII e XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 23,81´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 2,58´´ W
X: 
576.110,75
Y: 
4.752.717,16
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A casa de Baladás correspóndese cun caseirón que conta con pautas de "Casa Grande" da fidalguía rural. Segundo as referencias documentais a casa establécese no século XVI, aínda que a arquitectura actual resposta a reedificacións dos séculos XVII, e fundamentalmente do século XIX. 

Don Antonio Taboada Roca, no "Terra de Melide" fai unha relación pormenorizada da linaxe posuidora desta casa, comezando por "Xan López de Baladás, e Catalina de Mato, sua muller, por instrumento (22-XI-1564) melloraron, no tercio e quinto de todol-os seus bens, con gravámen de vínculo, ó seu fillo" e rematando por "Don Maximino Fuciños Codesido, dono aitual da Casa" (referíndose ó propietario da mesma nas décadas dos anos 20 e 30 do século XX). Tamén refire que "A Casa máis antiga do lugar de Baladás, é a dos Monteiro, na cal viviron os pirmeiros petrucios. Por partixas pasou á un lexitimeiro, séndolle vendida pol-a Xusticia nos meiados do século XVII. O vividoiro do aitual dono, fíxose n´esa data sufrindo varias transformacións andando o tempo. Pertesceu á esta sanguinidade cuasimente todo o lugar de Baladás, e parte d´outras fora da parroquia. Eran donos, os seus posedores, de dúas sepulturas dentro da Igrexa parroquial, as cales fincaban na reixa da Capela Maor". 

Un descendente desta casa de Baladás, Andrés López,  bisneto de Xan López de Baladás fundador da dinastía, foi Comisario do Santo Oficio e primeiro Capelán da Obra Pía de San Antón de Melide, fundada polo arcebispo Don Mateo Segade Bugueiro no ano 1671.

A Casa de Baladás presenta unha arquitectura con planta en L, disposta en dúas alturas, e cun volume engadido na parte traseira no extremo norleste, correspondente cunha corte. A fábrica da edificación está realizada en aparello de cachotaría recebada, empregándose elementos de canteiría de granito ben traballada en esquinais, xambas e linteis das portas da planta baixa e nos linteis, xambas e antepeitos das xanelas do corpo superior. Como elementos máis destacados do inmoble cabe reseñar a esbelta cheminea situada no ángulo norleste do tellado, que consta de planta rectangular e realizada en aparello de cachotería miúda coroada por catro pináculos de remates piramidais moi aguzados. 

Na fachada sobre a porta principal, alintelada, disponse o escudo de armas da Casa enmarcado por dúas das fiestras do corpo superior. Trátase dun fermoso escudo moi ben traballado, timbrado por un elmo de perfil que mira cara á dereita. O blasón de forma ovalada e superposto a un pergameo de bordes enrolados, está distribuído en catro cuarteis que representan os apelidos López, Segade, Seixas e unha custodia ou viril, que puidera corresponderse co apelido Pardo.

Complementa o conxunto un hórreo situado no borde da eira contra a pista que consta de catro estremas.

BIBLIOGRAFÍA:

-  "Arquitecturas da provincia da Coruña". volume XVII, "Comarca da Terra de Melide". Realizado polo Departamento de Composición da Escola Técnica Superior da UDC. Ano 2007.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A nobreza da Terra de Melide". Boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santispíritus de Melide", publicado no ano 2004.

- Taboada Roca, Antón: "Notas históricas". Capítulo III do "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

 

Outros elementos do catálogo