Casa de Salgado

Casa de Salgado

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Tomé de Castro
Situación detallada: 
Castro
Cronoloxía: 
Séculos XVIII-XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 47,43´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 33,67´´ W
X: 
579.478,19
Y: 
4.753.484,11
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Casa de Salgado da aldea de Castro correspóndese cun modelo de edificación de tipoloxía pacega, que consta dunha estrutura de vivenda complementada por unha serie de edificacións adxectivas e de servidume que se distribúen nunha ampla propiedade pechada por unha cerca, que nalgúns puntos no camiño que leva ata Casanova, acada considerable altura. Con todo os elementos máis singulars son a vivenda e o hórreo.

A casa presenta planta rectangular disposta en sentido norte-sur, destacando polas grandes proporcións da súa planta que acada unha superficie duns 327 m2. En alzado consta de dúas plantas e dun faiado abufardado, baixo tellado a catro augas. Respecto á súa construción compre indicar que as súas fachadas foron realizadas nun aparello de cachotaría enlucida e encalada, complementada con pezas de canteiría reservada para os vanos, que se traducen en portas e ventás alinteladas e pequenas troneiras. No extremo norte da cuberta destaca a monumental cheminea de pranta rectangular coroada por pináculos piramidais. 

Na eira destaca polo seu porte e posición moi elevada un hórreo de catro estremas, que se ergue sobre unha cepa corrida de cachotaría, sobre a que se apoian os cinco pes de canteiría que soportan a cámara do hórreo. Éste resulta moi visible dende a pista que comunica Casanova con Castro, chegando a sobresair máis que a propia vivenda ó situarse tamén nun plano máis elevado.

Entre o hórreo e a casa existe unha ampla palleira tradicional e xusto enfronte ó inmoble principal atópanse unhas vivendas de servidume en acusado estado de ruína e abandono.

A entrada da propiedade consiste nunha apertura intencionada na cerca da propiedade, no extremo meridional, e que chama a atención por estar as súas xambas laterais coroadas por senllos remates de canteiría a modo de cráteras ou copóns.

Con todo e, a pesar da espectacularidade arquitectónica e construtiva do conxunto, hoxe por hoxe chama máis a atención polo estado de abandono que presenta. Mesmamente o importante deterioro que presenta o tellado da vivenda non lle augura máis que un progresivo proceso de ruína.

A aldea de Castro consta de diversas edificacións tradicionais de certo interese, dun lavadoiro e fonte moi afamada pola calidade da súa agua, e tamén pola posible existencia dun asentamento castrexo situado na entrada da aldea á man dereita, vindo dende As Cazallas, que por causas de transformación agraria puido supoñerlle a perda das súas estruturas defensivas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

 

Outros elementos do catálogo