Igrexa parroquial de San Pedro de Folladela

97 - Igrexa parroquial de San Pedro de Folladela.jpg

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Principios do século XVIII

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 9,70´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 29,26´´ W
X: 
580.908,22
Y: 
4.756.038,88
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta igrexa parroquial é un dos mellores expoñentes do barroco rural da Terra de Melide. 

Trátase dunha edificación de planta de cruz grega, cunha nave con desenvolvemento lonxitudinal en sentido oeste-leste, cunha sancristía conformada como unha capela lateral no brazo norte e cunha segunda capela lateral no brazo sur fundada no ano 1704 polo Sarxento Maior Don Alonso de Ponte y Andrade. 

O presbiterio está máis elevado que o conxunto da edificación.

A arquitectura está edificada con aparello de cachotaría aínda que os esquinais, aleiros, xambas, linteis, espadana e pináculos son de canteiría de granito moi ben labrada e escadrada.

Na fachada ou frontis ábrese a porta de entrada de deseño alintelado. A espadana é moi ancha e bastante achatada. Conta con dúas troneiras para campás con arcadas de medio punto, unha cornixa moldurada que serve de asento dun frontón de perfís curvilíneos, sobre o que se erixe unha cruz de ferro de forxa e que vai flanqueado por senllos pináculos.

Destácanse igualmente na fachada dous pináculos situados sobre os aletóns da cuberta, que conta con formas xeométricas que manteñen analoxías co barroco de placas compostelán.

Na fachada principal, no ángulo suroreste pode verse disposto en chafrán, un fermoso reloxo de sol con estilo de ferro para marcar as horas solares. No marqueado dispóñense a numeración das horas e a data de elaboración ou colocación do reloxo na igrexa ("Año de 1778").

No interior destaca o arco triunfal de medio punto sustentado por impostas molduradas. O arco que da acceso á capela lateral do lado sur tamén se abre á nave mediante un arco de características  semellantes ó triunfal.

O retablo principal é de deseño neoclásico aínda que presenta elementos decorativos de estilo rococó. Pode estar datado na segunda metade do século XVIII. No camarín central amósase a imaxe da Virxe do Pilar do século XIX, flanqueada por unha imaxe de San Pedro (patrono da parroquia) e de San Francisco de Asís, ubicados nas rúas laterais. Tamén e de destacar o retablo de San Xosé de estilo barroco de estípites (columnas en forma de pirámide invertida).

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

Outros elementos do catálogo