Casa antiga en Mourelos
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na aldea de Mourelos, ó carón do camiño que vai dende A Graña e dende Souto ata o lugar de Atá, atopámonos cunha edificación antiga artellada en dúas alturas, que conta na súa fachada principal, situada no lateral perpendicular ó camiño, con dúas portas antigas de tipoloxía medieval, que se poderían datar nos séculos XV ou XVI.
Este tipo de portas antigas teñen bastante presenza nas arquitecturas rurais do Concello de Toques, existindo exemplares deste tipo en varias aldeas, que segundo recolle Broz Rei, contabilízase un total de dezanove portas de mocheta en nacela.
Unha das portas, a da esquerda ou máis meridional, conta cun lintel que reproduce un motivo en arco conopial, estando sostida por senllas xambas con disposición verticalizada. A outra porta, a da dereita, ven a ser a entrada principal e destaca polas grandes pedras que compoñen a súa estrutura. Conta cun lintel coa aresta inferior moldurada que descansa sobre dúas ménsulas ou mochetas con perfil en nacela. Estas ménsulas constitúen a parte superior das xambas laterais, que a diferencia da porta anterior, o seu aparello defínese pola disposición en superposición horizontal.
Na arquitectura da casa combínase adecuadamente o aparello de cantería das portas e das xanelas do piso superior, co aparello de cachotaría empregado nos panos e nos esquinais da casa, sendo neste caso de maiores dimensións as pedras empregadas para facer os esquinais.
Pola banda do camiño sobresae a estrutura absidal que se corresponde coa parede exterior do forno da casa.
Broz Rei considera que estas portas constrúense no século XVI, “como amosa a súa característica arquitectura, como Montelén, Buxán ou Paradela; outras no século XVII ou no XVIII”. Igualmente considera que estas casas con portas antigas existentes no Concello de Toques “son a testemuña do pasado foreiro de Santantoíño”, e como “case todos os foros documentados se realizan arredor do ano 1521, e a partir desa data poden datarse todas elas”.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, publicado no ano 2011.