Igrexa de Santa Cristina de Orois
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Esta pequena igrexa parroquial emprázase ó carón da carballeira do campo de festa, na que se ubica o cruceiro.
Correspóndese cun edificio de sinxela arquitectura e con planta en L, debido ó anexo da sancristía lateral.
A nave presenta planta rectangular sucedida por unha cabeceira de planta cadrada máis estreita ca nave, e cunha sancristía adosada á mesma no seu extremo Norte. No tocante ó alzado é preciso sinalar que tanto a nave como o presbiterio presentan o mesmo desenvolvemento en planta, polo que o seu tellado é único. A edificación foi realizada en aparello de cachotaría, que non está á vista xa que os muros aparecen recebados e pintados de branco e con zócalo de cor azul na base, e co emprego de elementos de canteiría nos esquinais, espadana e vanos.
O frontis amosa un diseño sinxelo traducido nunha porta alintelada sobre a que se dispón unha ventá rectangular, con derrame cara o interior. Sobre o hastial disponse unha espadana de canteiría de granito asentada sobre unha cornixa moldurada, que serve de base do campo principal que conta cunha soa troneira para a campá. Sobre este disponse unha segunda cornixa que sustenta un ático que conta cun pequeno frontón triangular rebaixado e coroado por un pináculo elevado no que se insire a cruz de ferro do remate. Dito frontón tamén se atopa flanqueado por dous pináculos menores de deseño xeométrico.
Para acceder á nave tamén existe unha porta lateral, igualmente de feitura rectangular, pero aberta no lateral Sur, no que tamén existe un pequeno vano situado baixo a vertente do tellado.
A sancristía presenta unha ventá cara ó Leste de feitura rectangular e con doble abocinamento, semellante á que existe no muro sur da cabeceira.
A cuberta da igrexa é a dúas augas, cunha prolongación do tellado cara ó Norte debido ó anexo da sancristía.
No interior destaca o arco triunfal de medio punto rebaixado, que parte de senllos machóns ou piares de planta cadrangular, cuxa luz é menor ca do propio arranque do arco.
O retablo é de estilo Neoclásico de finais do século XIX.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado o ano 2001.