Sartego antropomorfo na igrexa de Santa María de Melide

Sartego antropomorfo na igrexa de Santa María de Melide

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Santa María
Cronoloxía: 
Idade Media

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 41,10´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 30,97´´ W
X: 
579.563,07
Y: 
4.751.438,73
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No ano 1990 Xosé Manuel Broz Rei, xa da conta da existencia de parte de dous sartegos antropomorfos situados a carón do muro de peche do adro da igrexa de Santa María de Melide, na beira do Camiño de Santiago.

Posteriormente no ano 1999 a Xunta de Galicia desenvolve un proxecto de restauración na igrexa románica de Santa María, e tamén se leva a cabo unha obra no seu exterior para refacer e endereitar o muro de cachotaría de peche do adro da igrexa, pola súa banda sur.

Con tal motivo quedaron á vista ademais dos dous que xa refería Broz Rei, un terceiro (infantil), todos eles labrados na rocha natural, a unha cota máis baixa que a do chan do adro da igrexa. Deses tres sartegos hai un que resulta visible na actualidade, do que se conserva a súa metade norte, e que se protexeu e amparou cun peche ou valado metálico, para evitar ser deteriorado por mor do tráfico rodado que discorre por ese treito do Camiño Francés. Presenta unhas dimensións de 1,65 metros no eixo Oeste-Leste.

Así pois, durante as obras quedaron á vista, como xa se dixo, tres enterramentos: un infantil, a xulgar polas súas escasas dimensións. E os outros dous cuxa existencia xa era coñecida: a metade norte dun de adulto que é o de que estamos a falar, e do lateral dun terceiro situado a un 1 metro ó oeste do anterior.

Do enterramento infantil non se pode ver nada na actualidade, xa que quedou tapado polo propio muro do peche do adro, unha vez que se refixo. O sartego de adulto, pode apreciarse que foi labrado na propia rocha natural, que presenta un importante estado de deterioro e exfoliación, no que aparece remarcado o contorno da cabeza, o engrosamento correspondente a zona do ombreiro esquerdo e todo o desenvolvemento decrecente do lateral do corpo do defunto, ata chegar ó arranque da curvatura de peche na zona dos pes.

A orientación destes enterramentos é de Oeste cara ó Leste, estando pois, a  cabeza situada na banda de poñente.

A proximidade entre si dos tres enterramentos, así como a correlación existente nun mesmo plano arqueolóxico, e a separación respecto ó propio lateral do templo, induce a pensar que todo o adro debe estar cheo de soterramentos practicados en rocha, algo moi recorrente nas igrexas de periodización medieval. Así pois, deste tipo de necrópoles atopamos abondosos paralelos, tal é o caso das escavadas necrópole das Encrobas ou a do propio adro da igrexa románica de Lalín de Arriba, exhumada recentemente, sendo pois algúns dos moitos exemplos deste tipo de camposantos.

Tamén nalgunha intervención na igrexa prerrománica de Santa María de A Capela (ou de San Antoíño de Toques), se ten constatado a existencia deste tipo de ritual funerario.

Resulta chamativo que habendo xa transcorrido nada menos que 24 anos dende que se identificaron os enterramentos en Santa María, e pasando o seu carón cada ano milleiros de persoas que fan o Camiño de Santiago, aínda non houbera administración á que se lle dera por instalar o panel explicativo.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A nobreza da Terra de Melide”. Publicado no boletín nº 5 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1990.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Novos sartegos nas igrexas de Santa María de Melide e Santa María de A Capela (mosteiro de S. Antoiño de Toques)”. Publicado no Boletín nº 12 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1999.

- Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”. Publicado no ano 2001.

- Vázquez Neira, Cristina: “A escultura funeraria e os sartegos no Museo da Terra de Meldie”. Caderno didáctico publicado no blog: museodaterrademelide@blogspot.com, ano 2020.

Outros elementos do catálogo