Igrexa de Santa María de Barazón

Igrexa de Santa María de Barazón

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santa María de Barazón
Situación detallada: 
Medos
Cronoloxía: 
Século XIX-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 34,02´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 8,41´´ W
X: 
580.141,87
Y: 
4.745.673,94
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A notoriedade desta parroquia situada no extremo oriental do Concello de Santiso resulta especialmente relevante, de feito é unha das parroquias mellor documentadas da antiga xurisdicción de Abeancos. Son moitos os aspectos que a fan singular. 

Existen abundantes referencias documentais que falan dela, como ben refire Nicandro Ares Vázquez "co título  DE UARAZON cítase esta freguesía no ano 1232, cando  Froila Afonsi doa ó Mosteiro de Sobrado unha herdade in concurrentia Sancte Marie de Uarazum, loco qui dicitur Outeiro in ripa Uliae (Tumbo de Sobrado II 159)". Outro documento en 1165 (T.S.II 138) trata da venda dunha casa en Santa María de Melide no territorio Auiancos concurrente riuulo Uarazum. Este mesmo río denomínase "Uarazun" nun apeo de Sobrado feito nos século XI-XII, pero sen data fixa (T.S. I 113). Hai tamén unha escritura do Mosteiro de Toques no ano 1067, na que aparece o couto daquel cenobio por términos de Leboreiro, Monte Losoira, Río Seco, segundo este corre ata "Varazone". Finalmente, Cortesâo no seu Onomástico Medieval publicado en 1912, constata no ano 950 o río Uarazone, o cal sen dúbida é homónimo canto menos, do Uarazon/Uarazum, que se consigna nos Tumbos de Sobrado (T.S.) que se coñece hoxe como río Furelos.

Vemos por tanto nestes documentos medievais como se recolle o hidrónimo Auiancos (do que deriva Abeancos) e tamén como o río Furelos se denominaba riuulo Uarazum (nesta zona), de feito como recolle Broz Rei o Furelos coécese no seu curso baixo como río de Barazón, xa que discorre por esta parroquia xusto antes da súa desembocadura no río Ulla.

A igrexa parroquial documéntase no ano 1232. Sitúase actualmente no asentamento castrexo de Barazón, que se atopa practicamente arrasado en superficie, pero segundo refire Broz Rei "a igrexa primitiva era pequena e estaba noutro lugar e foi trasladada para o castro, no século XIX?". Dese xeito descoñécese a ubicación orixinal do antigo templo parroquial. O mesmo autor comenta que esta igrexa parroquial, xunto coas de Niñodaguia, San Cosme de Abeancos e Gondollín, estaban rexidas por un franciscano do Convento de Melide. 

O emprazamento no castro, no remate dun meandro do río Furelos dista 500 mt. da aldea de Barazón Grande, a máis ampla do Concello de Santiso, na que segundo refire Broz Rei, no ano 1809, na Guerra contra os franceses, o 18 de xuño, Barazón participou na loita... entro en la villa (Meldie) una División de tropas francesas de 3600 de Infantería y más de 700 de Caballería,... y el Batallón de Cazadores de Lemos estaba en el lugar de Barazón Grande... a toque de campana se juntaron los feligreses de todas las parroquias, Borrajeiros, Val y el Batallón de Lemos, y se enderezaron hacia Mellid...". Vemos polo tanto que empregaron as campás da antiga igrexa parroquial para a convocatoria da Alarma.

A edificación actual destácase polas súas dimensións, equilibrio compositivo e pola configuración dos seus espazos. A planta tradúcese en tres espazos claramente definidos, en primeiro lugar conta cunha planta rectangular composta por unha ampla nave central flanqueada por senllas naves laterais, divididas por dúas series de tres arcadas sucesivas (é dicir, que a transición entre a nave central e as laterais se determina por unha secuenciación de arcos sustentados por pilares divisorios). No extremo leste da nave ábrese un arco triunfal de medio punto que serve de tránsito ó presbiterio ou cabeceira, espazo máis elevado que a nave e cuberto a catro augas, mentres que a primeira ten derrame a dúas vertentes. 

Xa por último, por detrás do presbiterio aparece a sancristía, ocupando o mesmo plano lonxitudinal, aínda que con menos desenvolvemento no seu alzado e con cuberta a tres augas.

No exterior o máis destacado é o frontis ou fachada oeste, realizada con perpiaños de canteiría de dimensións e feituras variadas. Conta este cunha porta rectangular alintelada, que presenta unha inscrición na que se narra que "en 25 de julio de 1926 el Excmo S.D.R Plácido obispo de Lugo consagró solemnemente esta iglesia de Barazón siendo cura don José Neira".   

Por riba do lintel sitúase unha fiestra abocinada que se abre á tribuna. Remata esta fachada dous senllos aletóns moldurados coroados por pináculos piramidais estilizados e entre ambos érguese a espadana que conta con dúas troneiras para campás, en cuxa columna ou parteluz central aparece a data de construción desta: 1891. Sobre o corpo de campás disponse un ático con troneira baleira flanqueado e coroado por pináculos moldurados e con deseño piramidal estilizado, semellantes ós dos aletóns da sobrepena do tellado.

No interior o máis destacado é o retablo principal, de estilo Neogótico que substitúe a un retablo anterior datado no século XIX.

Como conclusión sinalar que a igrexa aparece bordeada por un adro murado que acolle o camposanto, estando o cruceiro parroquial situado por fora do mesmo, pola banda do nordés. A ubicación da igrexa actual, datada en época contemporánea é sustituta dun templo anterior (do que non se coñece a ubicación exacta), da lugar a diversas conxeturas, posto que hai referencias bibliográficas que aluden a un traslado, pero nas documentais, como xa se sinalou, fálase dun "loco qui dicitur outeiro in ripa Uliae" que pode referir a un emprazamento elevado sito nunha das marxes do Ulla, co cal cabe pensar que estaría situada máis ó sur da ubicación actual.

BIBLIOGRAFÍA:

- Ares Vázquez, Nicandro: "Onomástica parroquial do Concello de Santiso". Publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Meldie, ano 1997.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no 2011.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no 2013.

Outros elementos do catálogo