Casa Bastián

Casa Bastián

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Rúa da Moa esquina Rúa Principal, Melide
Cronoloxía: 
Inicios dos anos 40 do século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 51,15´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 58,06´´ W
X: 
580.305,67
Y: 
4.751.755,39

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Casa de Bastián trátase dun inmoble de estilo Racionalista ocupando un solar en esquina, no que existiu unha edificación anterior, que aínda se pode ver nunha fotografía de Ksado da serie "estampas de Galicia" editada no 1936.

Este inmoble, que aínda mantén pura a súa arquitectura orixinal, correspóndese cun claro exemplo desa corrente de posguerra que fuxe de toda clase de ornamentación, en pro da funcionalidade e do equilibrio compositivo. 

En Melide existen bastantes exemplos de arquitecturas racionalistas, empregando novos materiais que ata ese momento non se utilizaban de maneira xeneralizada: cemento, formigón, ferro..., pero este é un dos exemplos máis elaborados dentro desa corrente arquitectónica.

Consta de baixo e  dúas plantas, dotadas de gran altura, e polo  tanto de manifesto desenvolvemento vertical, facéndose destacar respecto ás edificacións colindantes. Outro aspecto a destacar é o de que a pesar de carecer de ornamentación, procurouse no seu deseño manter un esquema compositivo equilibrado á par de rítmico, baseado na alternancia de balcóns e galerías, (destacándose a galería en esquina de deseño poligonal en abanico de sete lados). 

Tamén son de interese as reixas das portas e dos trabateis da planta baixa, da mesma época que o inmoble, da autoría dos ferreiros Antonio Mosquera e Manuel Parrado, realizadas con barras de ferro de sección cadrada e torsionadas, con remates en bolas.

Na súa planta baixa existía  un comercio de moita sona, tipo bazar, provisto de amplos mostradores de madeira, estanterías abertas e dun balconciño en forma de L.

 

Outros elementos do catálogo