Calzada do Leboreiro
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
En pleno trazado do Camiño Francés ó seu paso polo termo municipal de Melide, consérvase un treito duns 400 m da antiga calzada medieval, entre as aldeas do Coto pasado o límite da provincia de Lugo e A Coruña e a do Leboreiro, identificada no Códice Calixtino como Campos leporarios (ou campo de lebres).
Hoxe por desgraza apenas se pode ver nada do antigo enlousado da calzada, posto que foi oculta por zahorra e áridos de canteira coa finalidade de favorecer o tránsito de peregrinos a pe, fundamentalmente para ciclistas e para coches de apoio. Nesta ficha acompáñase dunha foto antiga na que se pode apreciar a calidade do pavimento empedrado. Hoxe por hoxe non hai dúbidas de que se trata dunha antiga calzada medieval, existente nunha aldea que se caracteriza por ter elementos da mesma adscrición cronolóxica (Igrexa do século XIII, Hospital de peregrinos da fundación medieval e ponte sobre o río Seco tamén datada nos tempos do medievo).
Ata non hai moitos anos, a esta calzada do Leboreiro se lle coñecía como “calzada romana” habendo quen a identificaba cun treito da Vía XIX do Itinerario de Antonino, dato que se desestimou por completo, porque non hai nada que indique que dita vía transcorría por dita aldea do Leboreiro, senón que o máis plausible é que o seu trazado se relacione co do Camiño Primitivo ou de Ovedo, onde se identifican treitos nos que se evidencian técnicas construtivas e de adaptación ás pendentes propias do sistema viario romano (incluso na aldea de San Romao de Retorta, concello de Guntín, teñen aparecido miliarios romanos e na veciña aldea de Ferreira aínda se mantén en pe unha pequena ponte de fundación romana).
No ano 1988 un equipo da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a dirección do arqueólogo Felipe Criado Boado, realizou unha pequena cata de verificación na calzada do Leboreiro e non se definiron pautas propias da construción secuenciada das calzadas romanas, senón que o pavimento da mesma se asenta sobre niveis térreos ou sobre o substrato xeolóxico natural.
Esta calzada está realizada en aparello de rocha anfibolítica, moi rodada como consecuencia dun uso reiterado da mesma e do paso do tempo.
A última intervención que se realizou nela foi no ano 1995, baixo a dirección de Elisa Redondo, promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio. Fixéronse importantes traballos de reposición do lousado, ensanchamento, limpeza e plantación de árbores nas marxes, sendo esta unha intervención moi ben concibida e executada, na que participou un canteiro local especializado na construción de valados coa técnica de mampostería seca ou “a óso”. Mais por desgraza toda esa actuación quedou desdebuxada por culpa da cobertura con áridos de canteira que impiden poder contemplar a monumentalidade deste tramo de calzada medieval.
Indicar asemade que algúns dos alciprestes que existen na marxe da vía foron plantados nesa data na que se levou a cabo a súa recuperación.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago”. Publicado no Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.