Cruceiro de Ribadulla
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Este cruceiro mudou de emprazamento no ano 1968, posto que ata ese ano estaba situado ó carón da desaparecida igrexa parroquial de San Vicenzo de Ribadulla, destruída co gallo da construción do Encoro de Portodemouros. Ditos cruceiro e templo parroquial situábanse na antiga aldea de Ribadulla, tamén anegada polas augas do encoro, que se localizaba ó carón do río Ulla.
Por desgraza procedeuse ó traslado do cruceiro e non da igrexa, da que únicamente se conservan os seus alicerces visibles cando baixan as augas do encoro. No seu lugar constrúese un novo templo próximo ás aldeas de Moreda e Gosenxe, que carece de interese artístico.
O cruceiro destaca polo seu equilibrio compositivo, por riba da sinxeleza dos seus elementos, polo que se traduce nun elemento harmónico e ben estruturado. Érguese sobre tres gradas. A inferior encastrada no terreo e a superior con moldura sobresaínte. Sobre ela descansa o basamento ou pedestal de planta cuadrangular e perfil con rebaixe de media cana. O fuste ou varal presenta sección octogonal con extremos de sección cuadrangular. O capitel presenta feitura a xeito de peana con perfís moldurados. A cruz conta con paos de sección octogonal por presentar arestas en chafrán e os extremos contan con remates florenzados.
Na cara que mira ó sur observamos a representación dun anxo en relevo.
O cruceiro presenta senllas inscricións. Na parte inferior do fuste aparece a inscrición: “Este por devoción de”, e na parte inferior do pedestal aparecen dúas datas: “año de 1844” e tamén “11-1 de 1968”, coincidente coa data do traslado deste cruceiro.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Broz Rei, Xosé Manuel: “A Terra de Melide”, ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”, ano 2017.