Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: Canle de evacuacións de augas

Achados arqueolóxicos no Cantón de San Roque: Canle de evacuacións de augas

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Cantón de San Roque, Melide
Cronoloxía: 
Século XIX-XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 48,27´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 50,47´´ W
X: 
580.478,73
Y: 
4.751.670,42

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Achados arqueolóxicos San Roque

No ano 2018 co gallo da instalación soterrada da rede de gas natural por parte da empresa Nedgia-Galicia, pertencente ó grupo Naturgy, puidéronse detectar diversos elementos de natureza arqueolóxica en diferentes rúas do casco urbano de Melide, do mesmo xeito que acontecera o ano anterior noutras rúas da zona do ensanche da vila, fundamentalmente nas rúas de Galicia e Florentino L. Cuevillas.

No 2018 identificáronse vestixios arqueolóxicos nas rúas Taboada Roca, na do Sol e fundamentalmente en pleno Cantón de San Roque. Para dar conta dos máis importantes deles, precisamente os identificados no Cantón de San Roque, o mellor é parafrasear as verbas dos arqueólogos que levaron a cabo os traballos de seguimento e control arqueolóxico das obras. Así, e desa maneira o que contan é o seguinte:

No Cantón de San Roque localizáronse restos estruturais moi interesantes, de adscrición contemporánea (finais do século XIX e primeiras décadas do XX), cando se abriron as gabias para meter as tubaxes do gas no límite meridional do parque, ó longo da rúa comprendida entre a encrucillada coa rúa Monterroso e a rúa Alexandre Bóveda.

En tres puntos diferentes [...] identificouse unha canle de pedra de bastante monumentalidade.

Dita canle resultou ser o antigo desaugue das fontes públicas instaladas na vila no ano 1889 no mandato do alcalde Antonio Ron Varela. Trátase pois dunha longa canalización pétrea que dende a Fonte dos Catro Canos, ou do Pilón, atravesa soterradamente o Campo de San Roque (actuais xardín e parque), e continuaría todo ó longo da rúa Monterroso [...].

A taxea está constituída por dous muriños de cachotaría dispostos en paralelo, cunha separación de 45-50 cm entre ambos, realizada en aparello de pequeno-mediano tamaño [...]. Sobre os muros aséntanse as tapas de cuberta, que no tramo comprendido alomenos entre os números 18 e 16 (da rúa) son de cantería de granito de dimensións moi considerables [...]. Unha delas contaba cunha moldura semicircular ó longo dun dos ángulos laterais, o que denota que se trata dun elemento reaproveitado (que puidera tratarse dunha soleira dun balcón ou dunha peza similar).

No interior presenta unha altura comprendida entre os 50-60 cm, entre a base da mesma (feita con pedras de pequeno tamaño asentadas en plano e terra barrenta entre elas) e a cara interior das tampas da cuberta.

Mais tamén se puido comprobar como sobre a base ou chan se asenta unha canalización de tubos de gres cerámico, de 16 cm de diámetro que están ligados con cemento nos extremos ou empates.

Dito entubado interior ten a súa explicación, posto que na década de 1950, sendo alcalde Ricardo Porto Rodríguez (entre os anos 1956-1960) constrúese o lavadoiro público municipal, nunha encrucillada do Camiño de Santiago (onde a rúa Lavadoiro), e decídese empregar a vella canle de pedra como condución das augas excedentes das fontes públicas da vila para garantir o fluxo de auga para abastecemento do lavadoiro.

Iso motiva que se instalen eses tubos cerámicos dentro da condución decimonónica, para evitar fugas e filtracións.

Tamén para poder asegurar un caudal óptimo, incluso nos meses máis secos, construírase un tanque ou cisterna, uns 50 m antes do propio lavadoiro, coa finalidade de servir de acumulador de reservas e de decantador de partículas que arrastran as augas, especialmente en épocas de abondosas choivas.

O vello lavadoiro foi demolido a principio da década de 1980, pero pervive o seu recordo no nome da rúa no que se ubicaba (rúa Lavadoiro).

Vemos por tanto como unha estrutura que no século XIX foi concibida como sumidoiro, pasa a ser 65 anos máis tarde, un sistema de abastecemento de augas correntes cunha finalidade totalmente diferente”.

BIBLIOGRAFÍA:

  • Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Achados de estruturas arqueolóxicas nas rúas do ensanche de Melide: Principais resultados dos traballos de control arqueolóxico das obras de instalación da rede de Gas Natural”. Publicado no Boletín nº 30 do CEM-MTM, ano 2017.
  • Pena Basso, Simón; Castro Paredes, Inmaculada; Broz Rodríguez, Xurxo: “Novos achados de estruturas arqueolóxicas identificados nas obras do Gas Natural en Melide. O que agochan as nosas rúas”. Publicado no Boletín nº 31 do CEM-MTM, ano 2018.

Outros elementos do catálogo