Casa con porta antiga en Paradela

Casa con porta antiga en Paradela

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
Eirexe
Cronoloxía: 
Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 43,38´´ N
Lonxitude: 
7º 57´ 20,51´´ W
X: 
585.149,14
Y: 
4.758.980,27
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de Eirexe, a tan so 22 m ó Noroesta da Igrexa parroquial de San Paio de Paradela, atopámonos cunha casa antiga (coñecida como a Casa de Marica) de cronoloxía encadrable nos séculos baixomedievais ou de comezos da Idade Moderna, que conta cunha fermosa portada alintelada que presenta ménsulas ou mochetas de perfil en nacela. Desta tipoloxía na mesma aldea de Paradela hai outras dúas máis, existindo máis en diversas aldeas da parroquia, como en Prados, Baamonde, Montelén, Mourelos ou Fondevila, rexistrándose un total de once deste modelo. Así pois este tipo de portas antigas dan conta da relevancia patrimonial destas aldeas de Paradela.

Broz Rei fai un estudio da tipoloxía de portas existentes no termo municipal de Toques, e respecto ás portas con ménsulas ou mochetas refire que: “ademais de todas estas portas de ménsulas ou canzorros, hai outras moitas que se espallan polas antigas casas, que carecen de algúns dos elementos orixinais. Moitas conservan cruces nos arcos ou nos sillares, no exterior ou no interior da xamba; outras amosan no lintel a aresta co rebaixe moldurado; algunhas foron modificadas en posteriores reformas, pero todas elas presentan grandes sillares de cantería, de diferentes dimensións... Aínda que outras puideran ser obra coetánea ás antigas, foron feitas para casas con menos categoría social e económica, para morada de caseiros, subforeiros ou xente menos pretenciosa. A maioría tiña diante delas un pendello, espazo cuberto a unha auga, que protexía do sol e da chuvia. Lugar moi axeitado para realizar pequenos traballos ó enxoito ou na sombra, para gardar ós animais ou a besta, e tamén como espacio que podía comunicar co forno ou coas cortes”.

Esta descrición tan atinada reflicte diversas das características que se aprecian nesta casa de Paradela, como poden ser o emprego de grandes sillares de cantería (que como recolle Broz procede das canteiras de Friol, Lugo), o uso de mochetas ou ménsulas e lintel con aresta con rebaixe moldurado e tamén a existencia dun pendello ou cuberta que protexe á porta e serve como antesala dunha corte e dun pendello, na actualidade derrubado.

Así pois vemos un modelo de porta monumental realizada en aparello de cantería, en asociación con cachote disposto en fiadas máis ou menos horizontalizadas e cunha soleira elevada respecto á rasante do terreo que se salva con dous chanzos. Esta arquitectura compleméntase cunha porta antiga de madeira feita en dúas follas, con táboas grandes de castiñeiro que conxuga á perfección co conxunto.

Á esquerda da porta mirando de fronte á mesma, existe unha pequena xanela seteira con disposición en vertical, como soe ser habitual e con remate alintelado.

Ó carón dunha casa anexa de construción moito máis recente atópanse dúas pías ou bebedoiros de auga, podendo tratarse unha delas dun sartego funerario de feitura trapezoidal, con extremos redondeados.

A casa antiga que ten adosada á súa dereita (é dicir, pola banda oriental), correspóndese coa vella escola pública de Paradela.

BIBLIOGRAFÍA

- Broz Rei, Xosé Manuel: “Santantoíño de Toques”, publicado o ano 2011.

Outros elementos do catálogo