Pasos de río en Catasol de Arriba

Pasos de río en Catasol de Arriba

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Melide
Situación detallada: 
Catasol
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 30,39´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 59,28´´ W
X: 
578.911,33
Y: 
4.754.107,05
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Sobre esta estrutura de paso de augas existente en Catasol, unha aldea que conta cun interesante conxunto de muíños situados nas beiras do río Catasol, dous deles ubicados en Catasol de Arriba e os outros catro na aldea de Catasol de Abaixo, unicamente existe unha referencia bibliográfica (Broz, 2011): "Á beira da ponte da estrada en Catasol aínda se conservan os vellos pasais de Catasol, de antes de facerse a estrada aínda no s. XX; pero agora está proxectada unha nova ponte que se construirá nestes días, e poida ser que non a respecten e a derruben, a non ser que atope un técnico sensible co patrimonio e a conserve para o futuro. Aquí o río recibe as augas do regato da Taxea."

Na actualidade, no punto onde a estrada AC-4603, que leva dende Santa María de Melide ata Ribadulla (Santiso), aínda se conservan de maneira bastante deficiente uns pasos de pedra sobre o curso do rego da Taxea, un pequeno cauce fluvial tributario do Catasol pola súa marxe esquerda, que nace nas inmediacións de Priorada e de San Cibrao (Melide). 

Aínda estando cubertas algunhas das pedras que conforman esta solución de paso, a medio camiño entre uns pasais e unha pontella, contabilízanse sete chantas colocadas en posición aliñada, tratándose dúas delas de laxes dispostas en plano suspendido para permitir un mellor fluír do caudal, mais por desgraza na actualidade se atopan mobilizadas e declinadas respecto á configuración orixinal. Tamén se pode observar a grande acumulación de fango de arrastre, a xeito de sedimento que contribúe a ocultar a estructura así como a estreitar e disminuir o paso de augas, ó tempo que se ve reducida a fondura do rego por deposición de leitos de area.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "O río Catasol". Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

Outros elementos do catálogo