Casa con porta antiga no Vilar

Casa con porta antiga no Vilar

Información

Tipo: 
Arquitectura popular
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Martiño das Varelas
Situación detallada: 
O Vilar
Cronoloxía: 
Século XV-XVI

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 29,50´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 35,85´´ W
X: 
575.395,27
Y: 
4.749.182,69
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea do Vilar, lindeira coas terras do Concello de Santiso atopámonos cun interesante conxunto patrimonial de casa antigas, unha con tellado en archete, varias de arquitectura tradicional moi interesante (algunhas con forno) , diversas edificacións adxectivas e mesmo un sartego medieval trapezoidal.

Nesta entrada imos reparar nunha casa provista dunha porta antiga, de produción ou de raigame medieval.

A edificación, de planta baixa e tellada a dúas augas, foi edificada en aparello de cachotaría, empregando diferentes tipos de rocha na súa construción. Cara ó camiño principal ábrense dúas portas, unha de grandes dimensións a modo de portalón e outra de dimensións máis cativas e na actualidade convertida en ventá, xa que a súa metade inferior foi tapiada con ladrillo e cemento.

Esta porta conta con lintel e xambas labradas, estando estas últimas conformadas por perpiaños de cantería de granito e de rocha glandular, tipo “ollo de sapo”. O máis destacado son as ménsulas ou mochetas que sustentan o lintel, xa que contan cun perfil interno en moldura en bocel, asemellándose á fronte dun canzorro.

Este tipo de portas con ménsulas molduradas teñen bastante presenza nos concellos da Terra de Melide, e nos retrotraen ós séculos da Baixa Idade Media e ós da Idade Moderna, xa que este tipo de portas se asocian con edificacións antigas caracterizadas, polo xeral, pola ausencia de xanelas cara ó seu exterior, minimizándose a presenza de vanos para evitar a conseguinte perda de calor nos interiores domésticos.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”, publicado no Boletín nº 9 do CEM-MTM, ano 1995

Outros elementos do catálogo