Casa da Atá

Casa da Atá

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa María da Capela
Situación detallada: 
Atá
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 14,36´´ N
Lonxitude: 
7º 58´ 56,91´´ W
X: 
582.976,46
Y: 
4.758.058,32
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

A Casa da Atá trátase dunha edificación pacega situada nunha zona de relevo en pendente ocupada por unha extensa fraga ou bosque autóctono de castiñeiros e carballos, pola que discorre o río Pedriña, Pequeno ou da Toca (o que baixa canalizado polas ruínas do cenobio bieito de San Antoíño de Toques, convertido despois das Desamortizacións do século XIX nunha fábricas de puntas e arame).

Xosé Manuel Broz ten recollido un estudo sobre esta casa e sobre a súa xenealoxía no libro "Santantoíño de Toques". Nesa publicación afirma que "poucas casas do país teñen tanta historia e misterio como esta casa da Atá, que pervive na solaina do monte da Toca dende o século XV, que foi morada dunha familia de escribáns, os Varela Vilariño". Nesa afirmación estima a antigüidade da casa alomenos dende o século XV, posto que considera que aínda que a fábrica actual da casa semella ser obra datada no século XIX, ten que ser moi anterior xa que está documentado un foro no século XVI, e cunhas primeiras referencias con data do 1530. 

Nesa mesma publicación recolle a testemuña dun antigo caseiro da casa enfatizando a importancia da mesma e as características da súa construción, aportando informacións moi interesantes, como que as canteirías da casa proceden da zona de Friol, que para a súa construción mobilizáronse moitos carros cargados con pedras e entre outras cousas que "no cuarto principal había unha lacena toda de pedra, pechada con rexas portas de castiñeiro, onde se gardaban os documentos da casa, onde os escribáns que viviron nela gardarían as escrituras, fora do perigo dun incendio". 

A casa contaba con extensas propiedades e terras de labor onde se cultivaba todo tipo de produtos da horta e se criaba gando maior e menor. De aí o gran número de edificacións adxectivas que había ó redor da casa, algunhas delas desaparecidas na actualidade coma un magnífico hórreo de catro estremas acaroado sobre o muro de peche do curro da casa, cercando a propiedade ó carón do camiño que discorre polo medio da fraga e que conduce ata a aldea de Mourelos.

Hai moitas cousas a destacar na edificación principal correspondente ó caseirón de morada desta estirpe de escribáns. Trátase cunha edificación de planta rectangular de grandes dimensións, 25 mt (no eixo norte-sur) por 13 mt (no eixo leste-oeste). O inmoble consta de dúas plantas e sobrado baixo o tellado a tres augas, en cuxo cumio sobresae unha alta cheminea de planta cadrangular coroada por catro pináculos piramidais moi estilizados. A edificación foi feita con aparello de cahotaría moi ben disposta e con pezas de canteiría para esquinais, linteis, xambas, antepeitos e ménsulas dun balcón.

Na planta baixa ábrense as portas de acceso, duas no lenzo oeste e unha no leste cara á eira. ademais de ventás de pedra, algunhas delas modificadas recentemente substituíndo a pequenas bufardas. O máis destacable é a porta de acceso na fachada oeste, que conta cun balcón sobre a portada principal de canteiría, con porta de doble folla. Este balcón descansa sobre ménsulas de perfil moldurado de canteiría sobre as que se asenta a  soleira de lousas e un balcón de ferro atirantado á armazón do voladizo do tellado.

O curro da casa está pechado por unha cerca elevada feita de cachotaría,  perdido pola banda oeste da propiedade, onde aínda se conserva o portalón de entrada cuberto por un tellado a dúas augas.

Fora da casa existen diversas edificacións complementarias de servidume, ademais doutro hórreo máis pequeno co desaparecido, neste caso de dúas estremas. 

Mais un dos aspectos máis destacables é que respecto a esta casa, existe unha lenda dunha pantasma dun dos escribáns que nela moraron, podendo ser a do escribán Domingo Antonio Varela Vilariño ou a do seu fillo Ramón José Varela Vilariño, que viviron a cabalo dos séculos XVIII e XIX. Esta lenda que fala dun alma errante condenada a vagar polas fragas da parroquia da Capela, foi recollida no ano 1979 polo afamado antropólogo Carmelo Lisón Tolosana e novelada no ano 2011 por Xosé Manuel Broz Rei. Trátase da lenda dunha pantasma máis notoria da Terra de Melide, da que o máis chamativo é a data tardía da súa xestación, que tivo que producirse na segunda metade do século XIX ou de aí en diante.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.

- Lisón Tolosana, Carmelo: "Antropología cultural de Galicia", ano 1979.

Outros elementos do catálogo