Igrexa parroquial de Santaia de Rairiz
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
En primeiro lugar resulta preciso reparar na advocación da parroquia, SANTAIA, o que nos induce a pensar nunha parroquia antiga, toda vez que está consagrada á santa emeritense Santa Eulalia (292- 304 d.C.), martirizada como consecuencia das persecucións do emperador Diocleciano.
Como ben apunta o lingüista melidán, Joaquim Vázquez, a forma Eulalia presenta numerosas variantes no galego, entre as que se inclúe Santaia ( tratándose do mesmo orago ou patrocinio da parroquia de Santaia de Agrón, pertencente ó termo municipal de Melide).
A igrexa parroquial, pola contra, non aporta evidencias de tratarse dun templo antigo, polo que todo leva a pensar nunha edificación pretérita. Broz Rei incide, consultados os libros de fábrica, que a igrexa de san Xurxo de Mourazos foi agregada a Rairiz no ano 1890.
Da edificación cabe sinalar que sendo de cativas dimensións se procedeu a ampliar a nave lateralmente, pola banda do Evanxeo, conformándose unha capela lateral, que nun mesmo eixo, lle sucede a sancristía.
Da arquitectura exterior o máis destacado é o frontis ou fachada principal, orientada cara o oeste como resultante da fórmula habitual. Vemos como para a súa execución se empregou aparello de cachote, en asociación coas canterías dos esquinais. A porta de acceso é rectangular e alintelada, con lintel de perfil curvilíneo. A espadana é sinxela, contando cunha troneira única para acoller a campá, e ó carecer dun ático (ou corpo superior) remátase directamente con sobrepenas dispostas a dúas augas en cuxo cumio se sitúa unha cruz de pedra (de caras lisas e recrucetadas) e con adornos de pináculos nos remates das vertentes.
No seu interior conta con dous retablos dos últimos tempos do Barroco, no que se empregan columnas de estípites.
BIBLIOGRAFÍA:
-Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. 2013.
-Vázquez Rodríguez, Joaquim: “ Toponimia do Concello de Melide”.