Casa de Avelino Núñez
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Esta casa é un dos principais expoñentes da arquitectura de estilo Racionalista de posguerra existente no casco urbano de Melide. Probablemente este inmoble, xunto á Casa de Bastián situada na rúa Principal, sexan hoxe por hoxe os máis representativos modelos de adecuación á nova corrente artística, iniciada a mediados da década de 1920 que aínda procuran un predominio da estética, respecto á mera funcionalidade deste estilo que pervive ata a década de 1960.
Este inmoble pertenceu a Avelino Núñez Ulla, alcalde de Melide entre o 14 de abril de 1930 ata o 16 de febreiro de 1931, nun curto mandato que denota a inestabilidade política imperante neses intres. Avelino Núñez foi un comerciante natural de Prado (concello de Friol) quen contrae primeiras nupcias con María Souto Mosteiro, de cuxa unión nace José Núñez Souto, quen tamén foi alcalde de Melide entre o 10 de maio de 1960 ata o 25 de abril de 1970.
No referente á actividade profesional de Avelino Núñez, reflíctese o deseño do baixo da edificación, concibido como local comercial, un deses locais provistos de amplos mostradores con planta en U e grandes andeis situados por detrás dos mostradores para almacenar e mostrar o xénero. Nesta casa tamén houbo un consultorio de odontoloxía do doutor José Luís Núñez.
O edificio artéllase en tres plantas, baixo, primeiro andar e faiado, que en datas máis recentes foi ampliado en altura subindo o tellado na vertente que da á rúa, de xeito que se acondicionou un segundo piso como ático. En xeral a fachada principal destaca polo equilibrio e harmonía compositiva, tendencia bastante frecuente neste estilo arquitectónico.
O baixo conta con tres portas de acceso entre as que se intercalan dúas ventás, todos estes vanos caracterizados polo deseño rectangular e disposición verticalizada. En canto á súa decoración destácase polo marqueado a xeito de metopas que se sitúan nos machóns e tamén polo zócalo con deseño de sillares almofadados.
O primeiro andar ou planta alta tamén destaca pola simetría, na que entre dous saíntes en galería se dispón un balcón amplo rematado por unha varanda de ferro de xeito tubular, o mesmo que tamén se traduce na galería na parte inferior e adiantada ós bastidores das xanelas.
O segundo andar conta cun amplo balcón concibido como unha terraza de azotea, que nun intre posterior á fábrica orixinal foi ocupado por un anexo volumétrico que gañándolle espazo ó faiado se troca nun segundo piso, destacándose que na súa execución se mantivo a estética racionalista do resto da fachada, non supoñendo unha alteración do discurso da mesma, incluso se optou por unha execución da cornixa e dun remarcado dos esquinais e dos vanos, en total consonancia co adoitado nas plantas inferiores.
A casa aparece acompañada dunha extensa propiedade aberta a dúas rúas, na que aínda se conserva un hórreo e á que se abre un anexo da vivenda situado a carón da fachada norte, que se corresponde cun módulo a xeito de pavillón de recreo, caracterizado polo seu deseño en galería aberta cara a entrada principal da finca.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: “A vila de Melide”, publicado no ano 2017
- Fuciños Gómez, Xosé Domingo: “Alcaldes titulares de Melide. Relación cronolóxica (1900-1995)”. Publicado no Boletín nº 10 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1997.