Ponte do muíño de Traspedra

Ponte do muíño de Traspedra

Información

Tipo: 
Ponte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Cosme de Abeancos
Situación detallada: 
Traspedra, San Cosme de Abeancos, Melide
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 11.04´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 47,22´´ W
X: 
549.205,18
Y: 
4.750.507,04
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O río Catasol (afluente do Furelos) amosa un excepcional valor paisaxístico e patrimonial, posto que conta nos seus dez kilómetros de percorrido cunha ampla densidade de muíños, pontellas e pasais, supoñendo un conxunto etnográfico que amosa á perfección a singularidade da arquitectura tradicional da Terra de Melide. Este río de escaso caudal nos meses estivais, pero que o incrementa de maneira exponencial coas enchentes, debido á estreitez do seu cauce, determinou que se "domesticase" o seu curso mediante presas e canles para o establecemento de muíños, ó tempo que provocou a realización de pasos para poder vadealo.

Un exemplo deste tipo de arquitecturas "de paso" é a ponte do muíño de Traspedra, situada ó carón de dito muíño. Responde á mesma tipoloxía estrutural que ás pontes dos muíños de Trasmundi, de Penas (ó carón do muíño de Frade) e das de Catasol, todas elas situadas augas arriba, aínda que a de Traspedra conta con maiores dimensións, posto que xa nos atopamos no curso final do río Catasol e polo tanto o cauce é máis amplo.

Esta ponte presenta unha arquitectura moi sinxela á par de sólida. Consta dun taboleiro ou zona de paso constituído por seis grandes laxes de gneis, dispostas en plano, e van apoiadas sobre dous estribos e un piar central, elaborados en aparello de mampostería rústica "á oso" (sen argamasa ou aglutinante de barro). Os estribos están encastrados na marxe do río e presentan unha planta trapezoidal cos lados exteriores moi derramados. O piar central tradúcese nunha cepa corrida de planta rectangular cun extremo verticalizado (augas arriba) e o outro en talude (augas abaixo). a estrutura da ponte carece de peitorís ou de barandas laterais.

É de moito interese o conxunto etnográfico do muíño de Traspedra, que consta ademais de hórreo, palleira con forno e corte.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O Río Catasol". Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

 

 

Outros elementos do catálogo