Fonte de Marín
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Na beira esquerda da estrada AC 840, uns metros despois do desvío que leva ata A Rata e ata a parroquia de Maceda, atopámonos esta fonte nunha curva fronte ó desvío que leva a Xubial. O acceso ata ela resulta un pouco dificultoso, xa que se sitúa na marxe da estrada, nunha curva perigosa e con dificultade de estacionamento. Esa cuestión unida o feito de que a estrada carece de beirarrúa, fai que este elemento se atope nun estado de certo abandono e que pase desapercibida.
Con todo resulta ser unha fonte monumental e moi ben deseñada para o fin para ó que foi concibida, que non é outro que o de situar unha fonte na marxe da estrada para que os usuarios da mesma puideran coller auga nela. A estrada foi trazada no ano 1867, ó final do reinado da Raíña Isabel II, o que supón unha mellora da comunicación coa cidade da Coruña respecto ó vello Camiño Real, que a partir desa data vai caendo en abandono progresivo.
Aparte desta fonte tamén hai en Marín unha casa na que tiñan coches de cabalos para facer o itinerario levando o correo, ademais de servizo de postas. Esta casa coñecida como "A Casa de Basilio", aínda se conserva e foi edificada por Domingo López Cordido, que era o encargado de levar o correo concedido mediante subasta pública, polo Alcalde de Melide Don Laureano Somoza, no ano 1869. Vemos por tanto, que o lugar de Marín xogou un papel importante en relación con esa estrada trazada no século XIX.
Respecto á fonte compre sinalar que destaca por diversoso aspectos, tanto polas súas dimensións como deseño e acabados. Insírese ou acóplase dentro dun hemiciclo de grandes dimensións (de 4,95 m. de diámetro) realizado en pedra, e en forma dun rebanco que serviría de pousadoiro. Este elemento presenta a particularidade de estar realizado con cachotaría "a oso", e coroado por unha sucesión de albardillas ou sobrepenas de canteiría de perfil moldurado e coroamento aplanado.
Na parte central deste hemiciclo sitúase a fonte, consistente nun gran bloque monolítico de canteiría que fai as veces de mesa e cano de saída de auga, ó mesmo tempo que fai de "clave" desa estrutura arqueada. A auga sae dese cano ,aberto pola parte superior, e vai verquer nun grande pilón de forma rectangular e con esquinas redondeadas (a modo de bañeira) e con perfil moldurado, situado inmediatamente por debaixo da peza que contén o cano. Este pilón está realizado igualmente en canteiría e conta cunhas dimensións de 156 cm. x 75 cm. e 31cm. de fondura.
A pesar da singularidade do elemento en cuestión, compre indicar que é unha mágoa o estado de abandono que presenta, posto que na actualidade aparece colonizado e invadido de vexetación (silvas e herbas) o que axuda a que este pase bastante desapercibido.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Meldie de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.