Casa de Mera

Casa de Mera

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Ronda da Coruña, nº 2, Melide
Cronoloxía: 
Ano 1934

Coordenadas

Latitude: 
42º 54´ 50,51´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 52,77´´ W
X: 
580.425,66
Y: 
4.751.739

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No mesmo Cruce de Melide, ubícase este maxestuoso edificio realizado en estilo Ecléctico ou Historicista, no que se evocan os ordes clásicos intrínsecos das culturas grecorromanas, traducidos nunha arquitectura neobarroca.

Este inmoble edificouse no ano 1934, nun terreno coñecido como a Chousa de San Sebastián, xa que nesta zona houbo unha capela dedicada a este santo.

En orixe este edificio contaba con planta baixa, dous pisos e un ático retirado precedido por unha ampla terraza amparada por unha balaustrada, que posteriormente (¿anos 60?) se convirte nun novo piso, gañando o espazo da terraza. Esta remodelación restoulle estética á fachada, posto que se pecharon os espazos entre balaustres e sobre a varanda superpúxose un novo corpo de ventás.

A fachada, a pesar do desafortunado engadido da última planta, aínda amosa o seu esplendor e fastuosidade. Destácanse entre outros elementos, o balcón central da primeira planta, sostido por catro columnas rematadas por capiteis xónicos, e tamén polo remate das ventás mediante o emprego de frontóns triangulares.

Na segunda planta o deseño é diferente, aínda que mantén o mesmo esquema compositivo que o piso inferior. Nesta planta o balcón central é aberto, aparecendo igualmente columnas de fuste circular rematados por capiteis xónicos, pero neste caso embebidos no muro da fachada, e non exentos como no balcón de abaixo. As ventás desta planta substitúen o frontón triangular por arcos de medio punto moldurados.

Na planta baixa ábrense grandes vanos, correspondentes ás portas e ventás rematadas en arco de medio punto moldurado, e os panos entre eles reproducen  almohadillados. 

Nesta planta baixa conviviron ó mesmo tempo a tenda e taller de motos Rúa e o Banco Pastor, e nos últimos anos só a entidade bancaria. Na actualidade todo o edificio o ocupa o albergue de peregrinos O Cruceiro.

Outros elementos do catálogo