Casa do Notario
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Este inmoble, situado na rúa do Progreso de Melide, é o único exemplo existente na vila provisto de decoración modernista. A súa arquitectura responde a pautas decimonónicas, que se enriqueceron con elementos decorativos cunha estética propia da arquitectura modernista.
Trátase dun fermoso edificio artellado en dúas plantas. Na planta baixa ábrense tres portas xemelgas ademais dun portalón, que mantén a estética das tres anteriores. O piso superior destaca polo seu caracter suntuoso, moi representativo da estética burguesa, presente fundamentalmente en escenarios urbanos (vilas e cidades), no que se abren portas con balcóns, na parte central, e galerías nos extremos. Tanto os balcóns como as galerías están realizadas en ferro fundido e con profusa decoración de corte romanticista (guirnaldas, cráteras, torneados e calados...).
A decoración complétase mediante o emprego de molduras realizadas mediante vaciado (a molde), presente nos linteis das portas tanto na planta baixa, coma nos balcóns do piso superior, consistente en guirnaldas de flores que se prolongan no coroamento das xambas.
Outro motivo da decoración de estética claramente modernista, é un medallón situado no centro da fachada, na planta superior, no que se representa unha cabeza de muller de caracteres propios do clasicismo grecorromano.