Pombal da Casa do Herdeiro de San Xiao do Monte
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Este pombal da Casa do Herdeiro atópase no lugar de San Xiao, sendo esta unha aldea situada a grande altitude, a unha cota de 610 m. sobre o nivel do mar, e nunha paraxe que goza dun espectacular dominio visual das terras da contorna. De feito dende o emprazamento do pombal pode albiscarse unha das mellores panorámicas do Castro de Vilamor ou de Cardelle, e tras este óllase todo o perfil da Serra do Careón. Dende esta aldea tamén se pode contemplar a vila de Melide, sobresaíndo a esbelta torre do Convento de Sancti Spíritus.
Este pombal está situado a tan só 35 m. ó oeste da igrexa parroquial de San Xiao e a unha distancia equivalente da Casa do Herdeiro ou do Pazo pola banda leste, do que forma parte da súa propiedade. A Casa correspóndese cun magnífico exemplo de Casa Grande labrega, en perfecto estado de conservación grazas a accións rehabilitadoras e que vai acompañada de todas as edificacións adxectivas ou auxiliares necesarias para o seu desenvolvemento (vivendas de servizo, curro, palleiras, hórreo, muíño, ademais deste pombal). Segundo recolle Xosé Manuel Broz no seu libro "Santantoíño de Toques", esta casa foi un subforo do Priorado de Santantoíño, tiña un antigo muíño que estaba situado noutro lado distinto no que agora se atopa, existindo xa no ano 1583, e que tras o seu desmantelamento as pedras reempregáronse na construción do muíño actual, obra efectuada antes do ano 1813. O pombal reconstrúese no ano 1806 segundo informacións facilitadas por Sergio Villamor, descendente desta casa.
Este pombal é o único que se conserva na actualidade no Concello de Toques, aínda que Broz da conta doutro que existía no Mosteiro de Santo Antoíño, segundo se recolle nas fontes documentais. De todos os xeitos existen nalgunhas aldeas casas que conteñen nidais para pombas, empotrados nas súas paredes exteriores, e tamén hai exemplos de nidais de madeira situados baixo os aleiros de hórreos e que presentan forma de caixóns. Aínda que o pombal da Casa do Herdeiro e o único que se conserva na actualidade no termo municipal, como xa se indicou, non é o único existente desta tipoloxía na Terra de Melide, posto que no Concello de Melide son coñecidos o do Pazo de Tarrío en Xubial, o da Casa de Lago en Zas de Rei o do Pazo das Figueiras ou o da Casa de Salgado en Grobas. No termo municipal de Santiso destacan o do Pazo de Vilar de Ferreiros, o da Casa da Pena e o da Pedreira, ademais doutros no Concello de Sobrado como o da Casa do Gado.
Estes pombais soen vincularse a Pazos e Casas Grandes e presentan características comúns: planta circular, aparello de cachotaría recebada e encalada, sobrepena situada no coroamento da parede sobre a que se abren os ocos de entrada para as pombas, e protexidos baixo a proxección do aleiro do tellado que adoita presentar feitura cónica. As portas de entrada soen ser de pequenas dimensións, con feitura alintelada e orientadas cara o sur. Pero o máis destacable é a súa arquitectura interior, caracterizada pola presenza de nidais ou pequenas celas acopladas ó muro interior e dispostas perimetralmente, realizadas mediante lousas rústicas de pedra colocadas tanto de plano coma en vertical, asemellándose á estrutura dun panal. Tamén se caracterizan por contar cun mesado de pedra concibido para depositar o grao para alimentar ás pombas nos meses de inverno.
Os pombais acostuman situarse a certa distancia da casa, en zonas elevadas, e mesmo asentado sobre tumulacións artificiais de terra concibidas como plataformas de nivelación do terreo.
Este pombal da Casa do Pazo de San Xiao resposta claramente a este tipo de tipoloxía, aínda que pola súa ubicación nun plano elevado, fixo innecesaria a adecuación do terreo mediante plataforma artificilal de asento. Tamén destaca por romper coa tendencia de contar coa porta de entrada orientada cara ó sur, estando neste caso orientada ó norte. Polo demais non conta con outras peculiaridades específicas: as paredes son de canteiría recebada e encalada, como é habitual, aínda que se perdeu boa parte do revocado. Os ocos de entrada para as pombas situados entre a sobrepena e o aleiro son un total de cinco, sendo un deles pareado. O tellado está rematado por un pequeno pináculo coroado por unha veleta de ferro con cruz e un gal osobre a mesma, de feitura actual.
As dimensións do pombal son de 4,40 metros de diámetro exterior e dunha superfcie de 15 metros cadrados.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques". Ano 2011.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos. Ano 2013.