Casa de Vales

Casa de Vales

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Martiño das Varelas
Situación detallada: 
San Martiño de Abaixo
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 40,05´´ N
Lonxitude: 
8º 4´ 29,36´´ W
X: 
575.538,83
Y: 
4.749.509,68
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Na aldea de San Martiño de Abaixo, a unha distancia de 170 metros ó LNL do Castro das Varelas e na intersección entre a estrada CP-4603 coa pista que leva ata a Baiuca e a Liñares atópase esta casa de notable arquitectura complementada con destacadas edificacións adxectivas.

Broz Rei falando dela cita, textualmente: “En  San Martiño está a Casa de Vales, que é unha boa construcción con curro pechado con muralla e portalón”.

Se reparamos nas fotografías aéreas podemos observar como a propiedade conta cunha planta pentagonal, perfectamente apreciable, e que o conxunto construído presenta unha planta en “L” invertida, que ocupa a metade occidental do espazo pechado. No medio do curro destaca o seu hórreo, de grande porte, que mide uns 11 metros de lonxitude.

A propiedade vista dende o exterior resulta moi destacada polo seu carácter pechado e polo coidado da privacidade coa que foi concibida. Vemos como a propia arquitectura construída e o sistema de peche da propiedade forman un todo e unha unidade estrutural. Por fora destácase o sistema construtivo dos seus muros, executados con esmero cun aparello de cachotaría concertada, perfectamente aplomada e disposta e pola perfección do racheado das xuntas.

No extremo meridional ábrese o portalón de entrada ó curro, cara a pista que leva ata A Baiuca. A portada, de amplas dimensións conta con telladiño torna augas e aparece constituída por pezas de cantería de granito, tanto nos perpiaños que conforman as xambas laterais, coma no lintel.

No interior do curro, ou eira, destaca o hórreo artellado en tres estremas, ou tramos, que mide ó redor dos 11 metros de longo. O hórreo resposta ós parámetros construtivos máis comúns na Terra de Melide, na que se conxuga o emprego da pedra e a madeira, non faltando a cuberta de terra do país. O hórreo érguese sobre unha cepa ou banco corrido de aparello de cachotaría, sobre a que se asentan os seus catro pes ou perpiaños de cantería. De cantería tamén son os “tornarratos” e as “ucheiras” ou columnas. En madeira están realizados os xugos, mesas o cerramento lateral, e a porta (porta que se abre pola banda oriental). A cuberta artéllase a dúas augas, como é habitual, e está conformada por tella curva do país. Nos extremos dos penais carece de elementos ornamentais (tipo pináculos, cruces e veletas).

Como xa se indicou é na metade occidental da propiedade onde se atopa a zona doméstica do conxunto, complementada por unha palleira situada á altura do hórreo, é dicir, na metade meridional. A planta, en forma de L, conta con cubertas a dúas e tres augas. Resulta moi destacable polas súas dimensións, xa que se ben a ala norte mide de 18 metros, a occidental sitúase nos 35 metros de lonxitude, o cal da conta das súas proporcións estimadas en 394 m2 construídos. Na metade norte dos mesmos, cadrando co punto onde conflúen senllas alas, é onde se aprecia a parte máis acondicionada da casa, e onde se asiste á apertura de máis vanos (portas e ventás), que contan con xambas, linteis e antepeitos de cantería, e nesta parte tamén é onde os muros aparecen recebados e encalados, coa singularidade de presentar unha cenefa a altura do aleiro do tellado e de amosar o esquinal, no que se unen os dous módulos cunha recreación decorativa que emula sillares de cantería. Na metade meridional da ala oeste, o aparello de cachote amósase á vista, posto que está espido agás no marqueado das fisetras do andar superior. No mesmo lenzo pode apreciarse, a dúas alturas diferentes, uns encaixes pasantes a xeito de mechinais, que se corresponden co sistema de andamiaxe que se empregou no seu día para poder erguer os lenzos murarios, e que quedaron sen tapiar, xa que esa parte foi concibida e empregada como palleira, o cal axuda a unha adecuada ventilación.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”, publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da terra de Melide, 1995.

-Fraga García, Ramón: “Notas etnolingüísticas da Terra de Melide (VI), publicado no Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses- Museo da Terra de Melide, 2016.

Outros elementos do catálogo