Casa do Herdeiro

Casa Grande de Herdeiro

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Moi bo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Salvador de Abeancos
Situación detallada: 
Eirexe, San Salvador
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 13,68´´ N
Lonxitude: 
7º 59´ 44,41´´ W
X: 
581.945,09
Y: 
4.754.322,76
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No lugar de Eirexe, a escasos metros da igrexa parroquial de San Salvador de Abeancos, localízase esta Casa do Herdeiro, un característico exemplo de arquitectura solariega que asimila pautas propias de edificacións pacegas erguidas en séculos anteriores.

Esta casona foi edificada polo crego Don José Sampedro González, quen foi párroco desta freguesía, no ano 1865 (segundo recolle Xosé Manuel Broz en" Etnografía de Melide", 1995).

Correspóndese cunha ampla edificación de planta rectangular,  artellada en dúas alturas e cuberta a catro augas con tella curva do país. O aparello da edificación consiste en cachotaría ben disposta, empregando elementos de canteiría en esquinais e marqueados de portas e ventás (xambas, linteis, soleiras e antepeitos). Mais na súa arquitectura destacan dous elementos fundamentalmente, a súa esbelta cheminea de planta cadrancular, provista de respiros e coroada por pináculos, e sobretodo polo seu corredor ou balconada, existente no piso superior da fachada que mira ó surleste, e que está sustentada por rexas ménsulas de canteiría moldurada. Destácase a varanda feita en madeira, e concibida en seis tramos entre os que se dispoñen unhas columniñas ou puntais atirantados ó teito, sendo tamén moi harmónicos os seus balaustres de madeira, de perfís moldurados. 

Complementan esta noble edificación as súas edificacións adxectivas, destacándose o amplo hórreo de catro estremas, construído ó redor do ano 1900, emprazado sobre un banco ou muro corrido sobre o que se asentan os seus cinco pes de canteiría.

Tamén destaca o muro de peche da eira e o seu portalón de acceso, ademais das palleiras con entrada cara a eira e con ventilacións cara á pista que bordea a propiedade.

No centro do patio existe un pozo cadrangular con pilón adosado.

O estado de conservación de conservación do inmoble e das súas edificacións complementarias é excelente.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

Outros elementos do catálogo