Fonte do Fervedoiro

Fonte do Fervedoiro

Información

Tipo: 
Fonte
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa Mariña de Pedrouzos
Situación detallada: 
O Fervedoiro
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 57´ 21,66 ´´ N
Lonxitude: 
8º 2´ 45,90´´ W
X: 
577.807,89
Y: 
4.756.372,06
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No lugar do Fervedoiro situado entre as aldeas de Parafita e Vilaverde discorre o Rego dos Pasos, un dos dous regos de montaña que nacen nas abas occidentais dos montes do Bocelo e que forman o río Catasol, afluente do Furelos, unha vez que conflúen os dous cursos fluviais. O outro rego é coñecido como o Rego de Albariño ou de Santa Mariña.

No Fervedoiro houbo dous muíños ou rouchos que como recolle Broz Rei: “... queda un que tiña dúas pedras, unha para o centeo e outra para o millo. Construído no ano 1928 con pedra de canteira do lugar”.

Da fonte do Fervedoiro situada na entrada ó lugar e ó carón dun rego que verte no Rego dos Pasos poucos metros máis abaixo, sinalar que na actualidade se atopa bastante descoidada, xa non so por estar oculta pola vexetación arbustiva e herbácea, senón por atoparse o seu leito moi colmatado por lodos e fangos, resultantes dos arrastres producidos polas augas do rego lindeiro.

Na actualidade ese estado de pseudo abandono impide determinar se a fonte conta con algún tipo de elemento construído ou se se trata máis ben dun nacente ou manancial situado na base dun desnivel do terreo, a xeito de depresión ou cubeta. En todo caso parece deducirse que o nacente se sitúa por debaixo do aparello de cachotaría de contención dun noiro de escasa altitude, cuxas pedras aparecen recubertas por musgo.

Sobre a calidade das súas augas os veciños comentan que se trata dunha auga moi boa, pero da que non se considera que conte con algún tipo de propiedade terapéutica.

BIBLIOGRAFÍA:

Broz Rei, Xosé Manuel: “Etnografía de Melide”. Publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidendes-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

Broz Rei, Xosé Manuel: “O río Catasol”. Publicado no Boletín nº 24 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2011.

Outros elementos do catálogo