Casa do Foro

Casa do Foro

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Folladela
Situación detallada: 
O Foro
Cronoloxía: 
Finais do século XIX - principios do século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 56´ 55,13´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 43,17´´ W
X: 
580.598,28
Y: 
4.755.585,63
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta arquitectura é un claro expoñente de edificación solariega concibida como vila de recreo ou «artefacto de recreo» (como se menciona no libro "Arquitecturas da provincia da Coruña", realizado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña). 

Neste caso asistimos a un modelo de arquitectura de estilo Ecléctico no que se procura un deseño equilibrado e harmónico, á par de estético. 

Consiste nunha pequena edificación de planta cadrangular, de 15x15 mt. e artellada nunha soa planta, e con cuberta a tres augas con vertentes escasamente pronunciadas. Destácanse varios elementos suntuosos que lle confiren certa maxestuosidade a pesar das escasas dimensións da edificación. 

Na fachada principal, cara ao oeste, ábrese unha porta situada nun plano elevado respecto ao nivel do chan, e para salvar dito desnivel dispúxose unha escaleira ornamental de seis chanzos e con derrames cara aos lados, «en abano», e cunha varanda noble de canteiría e con balaustres moldurados. Esta fermosa escaleira aparece flanqueada por dous pares de cipreses, para enmarcala e outorgarlle maior dignidade. Tamén é de destacar a galería que percorre toda a fachada sur, continuando en parte pola fachada principal.

Na fachada posterior existe un segundo acceso á vivenda situado igualmente nun plano máis alto, polo que tamén se impuxo a necesidade de realizar unha segunda escaleira de acceso, neste caso máis funcional que suntuosa.

As fachadas que pechan a edificación, excepto a sur que é a da galería, están recebadas e encaladas, deixando á vista os elementos de canteiría que enmarcan portas, fiestras e esquinais.

A edificación está inmersa nun xardín ornamental, no que destaca unha palmeira moi elevada, que parece indicar a posición social da propiedade.

A finca está enteiramente cercada por unha tapia e nela tamén se integran diversas edificacións adxectivas para usos complementarios de servidume, ademais dun hórreo de grande desenvolvemento lonxitudinal.

Asistimos por tanto, a un característico modelo de arquitectura concibida como vivenda de uso residencial secundario, para aproveitamento en tempos de lecer, no que se conxugan estética, funcionalidade e a procura da abstracción da realidade cotiá.

BIBLIOGRAFÍA:

- "Arquitecturas da Provincia da Coruña": Realizada polo Departamento de Composición da EscolaTécnica Superior de Arquitectura de A Coruña, editado pola Deputación Provincial da Coruña, ano 2007.

 

Outros elementos do catálogo