Igrexa de Pezobrés
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
Esta igrexa románica foi traslada no século XVIII desde a aldea de Pezobrés ó seu actual emprazamento en San Benito. Como consecuencia deste traslado sufriu importantes alteracións na súa arquitectura: posible elevación da nave, perda da ábsida orixinal e a inapropiada ubicación do Agnus Dei, situado actualmente sobre a espadana.
Débense destacar os elementos propios da fábrica románica especialmente as portadas oeste e sur, os once canzorros do lenzo norte e os trece do lenzo sur, ademais da representación do Agnus Dei situado sobre o cume da espadana, que representa un año ou máis ben un carneiro pola súa gran cornamenta, e polo deseño ben definido dos cuartos traseiros, extremidades e tamén polo labrado da pedra que reproduce dun xeito veraz a lá; sobre o carneiro disponse unha cruz patada.
A porta oeste destácase polos seus capiteis con deseños xeométricos e vexetais e polo tímpano que representa unha cruz tetrafoliada (de catro follas) inscrita nun cadrado, este apoiase sobre dúas mochetas con representacións animais (bóvido e lobo). Destaca tamén a chambrana decorada con puntas de diamante.
A porta sur aseméllase á porta oeste no seu deseño, destaca polos seus capiteis con decoración vexetal e polo tímpano que representa unha cruz grega inscrita nun arco polilobulado que se apoia sobre mochetas con decoración xeométrica (rolo e aspa). Ó igual que a porta oeste, a chambrana aparece decorada con puntas de diamante.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "O Románico da Terra de Melide no Camiño de Santiago". Boletín nº 7 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1992.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: Bestiario de pedra na Terra de Melide". Boletín nº 19 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2006.
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", ano 2013.
- Carro, Xesús, Camps, Emilio e Fernández Oxea, Xosé Ramón: "Arqueoloxía relixiosa de Melide" en "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.