Pontella da Pontepedriña
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
A Pontepedriña trátase dunha pequena pontella, ou pontiga, construída para salvar o rego Pedriña, tamén coñecido como rego da Toca ou rego Pequeno, nomeado tamén nunha doazón do Rei Don García no século XI, como río Flamosino. Este rego de curso moi accidentado é o mesmo que augas abaixo desta pontella, discorre canalizado entre as ruínas do mosteiro bieito de San Antoíño de Toques (A Capela). Finalmente este rego desemboca no Furelos á altura de Souto.
A pontella trátase dunha característica construción arquitrabada, constituída por sete grandes lousas irregulares asentadas sobre piares de cachotería, igualmente de feitura irregular.
Pola súa estreitez este tipo de pontellas foron concibidas basicamente para o paso de persoas, dado que os animais e os carros cruzarían directamente polo rego, debido á escasa fondura que presentan os regatos nos lugares de paso. En caso de enchente os animais poderían pasar sobre as pedras, facendo equilibrio e guiados polo arrieiro.
Este tipo de pontiga ven a ser un sistema de paso individual para cruzar as persoas os regos, algo máis elaborado que unha sucesión de pasais discontinuos.
BIBLIOGRAFÍA:
- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", ano 2011.