Pozo dos Castiñeiros

Pozo dos Castiñeiros

Información

Tipo: 
Patrimonio natural
Acceso a pé: 
Malo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - San Paio de Paradela
Situación detallada: 
Paradela
Cronoloxía: 
Sen definir

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 59,23´´N
Lonxitude: 
7º 57´ 5,12´´ W
X: 
585.491,63
Y: 
4.759.473,65
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O pozo dos Castiñeiros ou dos Castaños, é unha das pozas naturais existentes ó remate do rego Pequeno de Montelén, curso fluvial tributario do río Furelos, que desauga nel por dúas ramificacións (unha a pouca distancia augas abaixo da Ponte das Barxas, e outra á altura da Ponte de Paradela). O rego pequeno fórmase a partir da confluencia de varios regos que orixinan na aba occidental da Serra do Careón, nas proximidades da Pena Armada.

Trátase dun curso fluvial moi accidentado, xa que discorre por zonas de monte, de relevo moi abrupto e con grandes afloramentos de rocha dura que ocasionaron a formación de meandros, cascadas e pozas na caída das mesmas. Pódese considerar un "rego de montaña" que se ve obrigado a salvar fortes desniveis, dificultados por unha xeoloxía de características impeditivas, que orixina a formación de accidentes naturais pola necesidade de evacuar augas, que son moi abundantes de maneira estacional.

O pozo dos Castiñeiros sitúase moi preto da antiga planta eléctrica que subministraba de corrente á aldea de Paradela. Trátase dunha das derradeiras pozas naturais existentes antes de verter as augas no Furelos, pola súa marxe esquerda. A este río coñéceselle como río Pequeno, de Montelén ou de Paradela, en contraposición ó río principal, denominado río Grande que é como se lle coñece ó Furelos á altura de Paradela (augas arriba o río Furelos é coñecido como río do Estreito, e augas abaixo como da Grela e tamén da Bragaña). 

O pozo sitúase nunha paraxe de bosque autóctono de ribeira, e bordeado de ameneiros, aínda a pesar que se lle chama dos castiñeiros. Augas arriba do mesmo existe nunha zona moito máís abrupta e pechada pola maleza, outro pozo de meirandes dimensións, bastante máis fondo e de augas escuras denominado, non en van, o Pozo Negro, xa que as augas e a fondura impiden ver o seu leito. Pola contra o dos Castiñeiros conta con augas transparentes, cristalinas e quedas, semellando un espello na súa superficie. Non existen datos da súa fondura, pero segundo informacións orais de veciños de Ínsua, non chega ós 2 metros de profundidade, polo que debe estar comprendida entre 1 e 2 metros, narrando que ata el achegábanse nenos e mozos das aldeas de Paradela a bañarse nel (os mesmos informantes apuntan a que o pozo Negro si que conta cunha maior fondura)

Este é unha das mostras de pozos naturais existentes nos cursos fluviais sitos no Concello de Toques, destacándose algunhas pozas e fervenzas existentes no río da Toca (ou Pedriña), no Furelos ou tamén nos regos de Vilouriz e de Guillamil.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011. 

Outros elementos do catálogo