Casa Grande de Grobas

Casa Grande de Grobas

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María de Grobas
Situación detallada: 
Cuíña de Abaixo
Cronoloxía: 
Idade Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 58´ 32,36´´ N
Lonxitude: 
8º 7´ 8,34´´ W
X: 
571.838,68
Y: 
4.758.487,95
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este pazo ou casa grande só se pode contemplar dende o exterior, posto que se atopa no interior dunha propiedade pechada por unha cerca elevada. Correspóndese cun inmoble de estilo pacego complementado por diversas edificacións adxectivas, para proveito da casa (hórreo, pombal, palleiras,...).

A edificación principal correspóndese cun rexo edificio con planta en U, sendo o corpo sur o máis volumétrico, disposto en dúas alturas e cuberto a varias augas. Destácase a fachada sur realizada principalmente con aparello de cachotaría, aínda que o lateral correspondente á zona da cociña foi feita con aparello de perpiaño, destacándose a monumental cheminea que coroa ese tramo, polo interior traducida nunha monumental lareira alintelada.

No andar inferior dispóñense pequenas fiestras situadas a gran altura para ilumincación de cortes e zonas de servizo, mentras que no superior as ventás son máis amplas para darlle maior luminosidade a zona residencial, posto que se corresponde coa zona de habitacións e salóns. Tamén na fachada exterior oeste se abre un balcón suspendido.

Na parte traseira é moi destacado o hórreo de sete estremas (tramos), aínda que tres delas correspóndense cun engadido posterior, sendo por tanto un dos meirandes da Terra de Melide. A estrutura do hórreo descansa sobre pes en forma de prisma rectangular realizado con perpiaños de canteiría (tipoloxía máis propia da zona do Ulla que desta comarca). Na eira tamén, atópase un pombal de planta circular.

Na muralla de peche da propiedade existe un escudo dos Varela procedente en orixe da casa do Ribeiro de Baltar. Dita pedra armeira constitúese por un óvalo, compartimentado en catro cuarteis que descansa sobre unha cabeza dunha figura alegórica e é coroado por un elmo que mira cara á dereita. Todo elo superposto a un fondo de pergameo. No primeiro dos cuarteis aparecen tres flores de lis dispostas en triángulo que representan a linaxe dos Varela; no segundo aparece unha torre ameada; no terceiro vense cinco varas, tamén da linaxe dos Varela; e no cuarto unha roda dentada e seccionada pola metade que se corresponde co atributo de Santa Catalina de Alexandría. Pegado ó portalón de entrada á propiedade pode verse unha estrutura en forma de torre ameada, de edificación relativamente recente, que non se corresponde coa fábrica orixinal, polo que non é preciso incidir moito na descrición da súa fábrica.

Esta casa foi propiedade de Don Manuel Codesido Veis, casado con Dona Nicolasa Prego de Montaos, era licenciado en xurisprudencia, deputado provincial e cabaleiro da Real Orde de Carlos III, finou nesta casa no ano 1879. Actualmente o inmoble pertence á familia Salgado, descendentes en cuarta xeración do matrimonio citado. 

Da mesma casa é propiedade a carballeira de Grobas, unha grande extensión de bosque autóctono con carballos, castiñeiros, bidueiros e acivros, sita entre o pazo e o antigo emprazamento do Castelo de Grobas, propiedade da Mitra Compostelá (derrocado polos Irmandiños). No interior da fraga existe unha enorme carcova que todo apunta a que se trate dunha antiga mina romana.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide". Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

 

Outros elementos do catálogo