Cruceiro da Fonte Santa dos Ánxeles

Cruceiro da Fonte Santa dos Ánxeles

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - Santa María dos Ánxeles
Situación detallada: 
Santa María dos Ánxeles (Melide)
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 49,19´´ N
Lonxitude: 
8º 0´ 53,01´´ W
X: 
580.399
Y: 
4.753.549

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este Cruceiro da Fonte Santa situado detrás da igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles, é un dos dous que hai nesta aldea, ademais do cruceiro parroquial sito na carballeira fronte á igrexa.
O Cruceiro da Fonte Santa sitúase nunha encrucillada de camiños, como é habitual. Consiste nun cruceiro moi sinxelo, composto por unha cruz lisa e capitel moldurado carente de decoración (refeitos no ano 1980). O capitel descansa sobre un fuste de sección cadrada e octogonal asentado sobre un pedestal moldurado, en consonancia co capitel.
O máis senlleiro é que todo o conxunto do cruceiro érguese sobre a Fonte Santa constituída a modo de plataforma na que se lle practicaron tres buratos para que poida fluír a auga, que discorre libremente pola marxe dun dos camiños. Como é habitual nas fontes tradicionais, ó seu carón medran loureiros, ademais doutro tipo de especies autóctonas.
Xosé Manuel Broz  recolleu a seguinte información referida ás propiedades da auga da Fonte: “Dende moi vello existe o costume de coller a auga desta fonte nunha botella e escoitar a misa do domingo na parroquial de Santa María dos Ánxeles (Virxe con moita devoción entre a xente da comarca). Despois utilízase esa auga para botala nas leiras para previr e paliar as pragas de vermes. Tamén dicían que era moi boa para os animais, para o campo e para as tronadas. O costume de ir pola auga aínda se practica actualmente os luns de Pascua (festa principal da parroquia)”.

 

Comentario achegado por Milo Mosteiro Mato, a través do facebook: "A miña nai Carme de Garceiras, chamáballe a Fonte de Augas Santas e o marido da súa irmá Susa, o meu tio Xesús Varela foi o que restaurou o cruceiro erguéndoo de novo, xa que estaba deitado"

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os Cruceiros da Terra de Melide". Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide de Xosé Manuel Broz Rei", ano 2001.

 

Outros elementos do catálogo