Escola das Cazallas

Información

Tipo: 
Arquitectura civil
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Melide - San Xoán de San Cibrao
Situación detallada: 
As Cazallas
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 31,50´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 35,61´´ W
X: 
579.439,76
Y: 
4.752.991,96

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Nunha edificación de planta baixa de reducidas dimensións situada ó carón da estrada AC-840 á altura das Cazallas, pervive a testemuña do que fora a antiga escola mixta que estivo ó cargo durante moitos anos do mestre don José Reinoso Carreira. Esta escola estivo en uso ata o ano 1970 aproximadamente, xa que no curso 1971/1972 inaugurouse o grupo escolar de Melide, pechando así esta escola rural pasando a incorporarse á de Melide. 

O interior atópase completamente baleiro, xa non quedan elementos do seu mobiliario escolar, pero queda o recordo da súa actividade nas paredes. Na da banda norte consérvase en mal estado unha pintura mural que reflicte un mapamundi duplo, en forma de oito, coa representación do continente americano no círculo esquerdo e dos continentes euroasiático, africano e oceánico no da dereita. Mentres que na parede sur situada xusto enfronte, aparece a representación dun mapa da Península Ibérica onde se ven reflexadas as provincias españolas, deixando o terrotorio portugués completamente en branco. Tamén se distingue bastante desdibuxada a forma do arquipélago das Baleares.

No presente a edificación amosa un importante estado de abandono. A fachada frontal está conformada por unha porta ben centrada e flanqueada por senllas ventás rectangulares e enmarcadas por cenefas carentes de decoración en consonancia coa da porta principal, que xa non cumplen a súa función de impedir o paso, o mesmo que acontece na fachada traseira, cunha estrutura xemelga a da principal, onde porta e ventás, presentan un importante estado de deterioro. Mais con todo, a edificación non periga debido a que conserva ben o seu tellado, sustentado por un armazón de madeira de vigas, tercios e pontóns, nos que están amarradas planchas de fibrocemento que serven de base á cuberta de tella tradicional do país. A casa contigüa foi utilizada como vivenda do mestre durante moitos anos.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A vella escola das Cazallas". Publicado no Boletín 26 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2013.

Outros elementos do catálogo