Muralla do Nabal do Hospital

Muralla do Nabal do Hospital

Información

Tipo: 
Elemento arqueolóxico
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Regular
Concello - Parroquia: 
Melide - San Pedro de Melide
Situación detallada: 
Camiño das Cabadas, Melide
Cronoloxía: 
Idade Media-Moderna

Coordenadas

Latitude: 
42º 55´ 0,64´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 7,26´´ W
X: 
580.093,62
Y: 
4.752.047,69

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

No Camiño das Cabadas, que parte da rúa de San Antón de Melide, case enfronte ó albergue de peregrinos, consérvase na marxe leste, ou dereita, parte  da cerca que pechaba o nabal do hospital de peregrinos de Sancti Spíritus. Enténdese como nabal as terras de labor situadas detrás do hospital, para auto sustento (a modo de colleitas) de dita fundación asistencial, fundada no ano 1375 e ampliada no ano 1502 baixo o mecenado do Conde Sancho de Ulloa

Mantense un tramo, duns 400 m. de longo de muro, con disposición nornoroeste-sursurleste, a pesar de presentar algunhas interrupcións, por entradas de fincas, ou pola apertura da actual rúa México. Tamén se conserva un tramo en perpendicular, duns 50 m. de longo, que discorre en paralelo a rúa de San Antón (por detrás da Pousada Chiquitín), e que non é outra cousa que o quebro en ángulo recto do tramo anterior. 

En xeral, exceptuando algúns tramos, presenta un estado de conservación aceptable, incluso en zonas bastante bo. Está realizado en aparello de cachotaría, moi ben disposta, constituíndo fiadas horizontalizadas, sen emprego de morteiros ou argamasas aglutinantes. O aparello empregado son bloques máis ou menos regularizados, con moi boas caras para configurar os paramentos, de pedra propia da área de Melide (rochas ultrabásicas e anfibolitas).

A altura media do muro oscila por termo medio entre 1,50 m. e 2,00 m., aínda que nos tramos mellor conservados acádanse alturas de 2,65 m., e mesmo se ve a disposición das pedras no coroamento, colocadas a cabalete. O grosor medio do muro ou cerca oscila entre os 65 cm. e os 70 cm.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio da Terra de Melide: O muro-cerca do nabal do Convento de Melide". Boletín nº 23 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2010.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Novas aportacións ó patrimonio de Melide: O nabal do Hospital e a corredoira das Cabadas". Boletín nº 29 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2016.

- Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo:"Memoria do patrimonio desaparecido na Terra de Melide. 4ª parte: o Patrimonio en perigo". Artigo no blog do Museo da Terra de Melide, xaneiro 2017.

 

Outros elementos do catálogo