Formación do Río Furelos

Información

Tipo: 
Paisaxe mítica
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Toques - Santa Mariña de Brañas
Situación detallada: 
Arriba
Cronoloxía: 
Indeterminada

Coordenadas

Latitude: 
42º 59´ 58,50´´ N
Lonxitude: 
7º 56´ 40,34´´ W
X: 
586.029,88
Y: 
4.761.309,03
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

O Río Furelos, afluente do Ulla, é o principal curso fluvial da Terra de Melide. Ó longo de 27 km. (dende o seu nacemento ata a súa desembocadura na Ponte Arcediago no Concello de Santiso), atravesa os concellos de Toques, Melide e Santiso, en sentido nor/norleste-sur/suroeste, presentando unha gran diversidade de unidades fisiográficas e paisaxísticas nos tres cursosnos que se divide (alto, medio e baixo).

Igual que é de sobra coñecido o punto da súa desembocadura no Ulla, na divisoria  entre os concellos de Santiso e Agolada, no lugar da Pontenova onde se dividen as provincias de A Coruña e Pontevedra, non está tan claro o lugar exacto do seu nacemento. Se atendemos a Don Ramón Otero Pedrayo en "Terra de Melide" do ano 1933: "o Furelos desenvolve un val estreito, simétrico, tranquío, encaixado, ben alimentado pol-as augas dos montes: soilo traballa como un torrente preto na fonte principal nada ó pe das Pías onde comeza a se perfilare o Bocelo. Nasce nunha quebrada lameirenta que pouco a pouco se afonda hastra atraguer outras correntes do mesmo tipo das que son as principás: as dúas que baixan arrodeando e isolando o coto de Porto Salgueiro...".

E segundo Xosé Manuel Broz o nacemento prodúcese "en terras de Foxo do Cabrito e de Porto Salgueiro, das escorras das brañas, vai recibindo pequenos regatos ata chegar ás Fervenzas..." "O río Furelos nace en Toques, e nace dos escorros das brañas, xunguíndose varios regatos ata que chega a Brañas xa formado. Salva un desnivel facendo as Fervenzas...".

.Efectivamente a síntese que fan ambos autores é a correcta, pero cabe dicir que o Furelos non parte dun nacente único, senón que se corresponde coa confluenza dunha intrincada rede de regos de montaña que serven de drenaxe de brañas e de pasteiros anegados da serra do Bocelo e dos montes do Corno de Boi.

Os principais regos que aportan augas ó Furelos, no seu curso inicial son o Rego de Porto Salgueiro, o Rego da Pedra e o Rego da Salgueira ou de Portobarrio. O primeiro deles prodúcese pola unificación de tres regatos que nacen en puntos diferentes e que se xunguen á altura da aldea de Porto Salgueiro. O máis desenvolto e septentrional destes regatos orixínase no Concello de Sobrado, na parroquia de San Miguel de Codesoso, a medio camiño entre o Santuario das Pías e a aldea de Redigode. Un segundo nacente xérase na divisoria entre os concellos de Sobrado dos Monxes e Toques, no Monte de Esparís, a uns 650 metros ó norte da aldea de Porto Salgueiro; e o terceiro dos regatos abrolla nas inmediacións da aldea da Espiñeira na parroquia de Brañas (a uns 250 metros ó oeste dela). 

Estes tres regatos que xeran o Rego de Porto Salgueiro únense todos eles na aldea do mesmo nome, e unha vez que forman un só cauce xúngueselles o Rego da Pedra que nace nos montes de Corno de Boi a uns 600 metros ó norte da aldea de Foxo do Cabrito, no Concello de Toques. E unha vez que o Porto Salgueiro recibe as augas do seu tributario Rego da Pedra, incrementa o seu caudal de xeito importante que se verá aumentado de novo a uns 2.500 metros augas abaixo cando se produce a verdadeira formación do Río Furelos, que xurde da unión do Rego de Porto Salgueiro (xa recibidos os caudais do Rego da Pedra) e do Rego da Salgueira ou de Portobarrio, que nace no Concello de Friol, nos Montes do Corno do Boi.

A partir deste punto situado á altura da aldea de Arriba (Brañas, Toques), a uns 200 metros ó leste da mesma, xa se considera un único "Río Grande" ou Furelos, que a 650 metros ó sur forma a espectacular cascada das Fervenzas.

O Río Furelos segundo Broz recibe distintos nomes en función dos lugares polos que discorre: "Este río grande ten varios nomes por onde pasa; en Brañas é o río das Fervenzas; máis abaixo chámase o Estreito; en Paradela o río Grande; río da Grela, da Bragaña ou de Piñeiro... e máis abaixo, o Furelos, e na documentación que se aporta no apéndice, chámase río de Barazón, por ser tamén lugar por onde pasa antes da desembocadura no Ulla".

Compre dicir que no lugar onde se xunguen o rego de Porto Salgueiro e o rego da Salgueira correspóndese cunha transición entre as augas batidas e as augas remansadas e "domesticadas" pola formación do primeiro encoramento do río para abastecemento dos muíños situados no tramo previo ás Fervenzas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Etnografía de Melide", publicado no Boletín nº 9 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1995.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santantoíño de Toques", publicado no ano 2011.

- Otero Pedrayo, Ramón: "A Terra de Melide", capítulo 1º do "Terra de Melide". Seminario de Estudios Galegos, ano 1933.

Outros elementos do catálogo