Igrexa parroquial de San Paio de Niñodaguia

Igrexa parroquial de San Paio de Niñodaguia

Información

Tipo: 
Arquitectura relixiosa
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Bo
Concello - Parroquia: 
Santiso - San Paio de Niñodaguia
Situación detallada: 
Portocelo
Cronoloxía: 
Século XX

Coordenadas

Latitude: 
42º 51´ 52,11´´ N
Lonxitude: 
8º 1´ 38,48´´ W
X: 
586.501,65
Y: 
4.758.310,37
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Esta ficha trata sobre a actual igrexa parroquial da parroquia de San Paio de Niñodaguia, a situada en Portocelo, posto que noutra ficha do catálogo (“elemento 161”) se fala do emprazamento do vello e desaparecido templo parroquial, que estaba situado en Sampaio.

Xosé Manuel Broz Rei recolle interesantes datos sobre o devagar deste templo. Así pois coñecemos que: “A antiga igrexa (referíndose á que se emprazaba en Sampaio) reconstruíuse no ano 1792, substituíndo a unha máis antiga, no ano 1927 demoleuse e utilízanse os materiais para construír unha nova en Portocelo, que consideraron lugar máis céntrico na parroquia, nun terreo donado pola familia Penas, de Quinzán”.

Ese mesmo autor recolle , en base ás explicacións facilitada por un veciño que : “...esta igrexa estaba antes en Sampaio e porque estaba moi arruinada e era pequena, trasladárona a Portocelo. Costeou todo a familia Penas da Casa de Quinzán, e seica que o retablo foi encargado en Santiago no taller do escultor Asorey...Construíron primeiro o presbiterio e celebraban misa, e logo construíuse a nave arredor do ano 1922”.

Respecto ás características da edificación é preciso resaltar, en primeiro lugar, que non amosa a acostumada orientación canónica L-O, senón que se orienta nun eixo NNL-SSO.

Artéllase en tres partes, nave, presbiterio e sancristía adousada ó mesmo, pola súa parte posterior. En canto ó seu alzado compre destacar a elevación do presbiterio respecto ás outras dúas partes.

O estilo da edificación axústase á estética propia do momento da súa edificación, na que se conxugan as pautas de modernidade coa tradición herdada, así pois asistimos a unha simbiose entre a novidade e o aprendido.

O máis destacado da arquitectura, polo exterior é o seu frontis ou fachada principal, situada no extremo meridional. A fachada está realizada en aparello de cantería de granito, con sillares reaproveitados da antiga igrexa, mentres que os demais lenzos están construídos con aparello de cachotaría recebada. A espadana é de cemento, pero realizada a imitación de modelos propios das igrexas rurais de época moderno-contemporánea.

No interior destaca o seu arco apuntado, de tazas neogótica, apoiado sobre impostas molduradas. Ademais do artesonado de madeira da nave, proxectado a dúas augas. Tamén son de destacar o retablo principal e o púlpito realizados ambos en estilo neogótico, coas madeiras vernizadas.

BIBLIOGRAFÍA:

-Broz Rei, Xosé Manuel: “Santiso na Terra de Abeancos”. 2013.

-Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: “Memoria do patrimonio desaparecido da Terra de Melide. 1ª Parte: O patrimonio relixioso” Publicado en museomelideblogspot (blog do Museo da Terra de Melide). 2016.

Outros elementos do catálogo