Cruceiro de Gondollín
Información
Coordenadas
© dos colaboradores do OpenStreetMap
Galería
Descrición
O cruceiro de Gondollín, sitúase nunha encrucillada de pistas, a carón da entrada do adro da igrexa parroquial de San Martiño de Gondollín. A circunstancia de atoparse nun cruzamento estreito, polo que discorre moito tráfico rodado de vehículos e maquinaria agrícola xa lle ten provocado máis dun dano e afección á súa integridade. Por dito motivo hai uns anos foron instalados, por iniciativa do párroco, uns pivotes metálicos enlazados por unha cadea, que tamén resultaron ser obxecto de acometidas.
O cruceiro aséntase sobre unha grada corrida de cantería feita con pezas de granito, dispostas en plano, e que se acomodan puntualmente sobre pezas de cachotería, para conquerir corrixir o desnivel existente no terreo. Sobre esta plataforma descansa o pedestal ou basa, que conta cun deseño troncopiramidal, en cuxas caras aparecen grabados en baixorrelevo os atributos da Paixón de Cristo: escada, tenaces, martelo, corazón, tres cravos e hisopo. Nos laterais oriental e meridional os atributos son substituídos por senllas inscricións, moi erosionadas e ilexibles.
O fuste ou varal é de tipo renacentista, con estrías e boceis intercalados entre elas na metade inferior. Do capitel, de estilo corintio, somentes conserva a metade inferior, cun colariño na transición ó fuste, e sobre el un orde de follas. A cruz amósase moi desgastada e erosionada, ademais de presentar zonas de fracturas que foron reparadas no seu día. A cruz presenta sección recctangular coas arestas en chafrán. A cara frontal da banda occidental está recrucetada.
Broz Rei recolle que se vai en procesión ata el polo carme, o primeiro domingo do mes de agosto, e tamén polo San Martiño, o patrono da parroquia, e tamén refire que aparece nomeado no ano 1683 no Libro de Fábrica, podendo tratarse da data da súa construción.
BIBLIOGRAFÍA:
-Broz Rei, Xosé Manuel. "Os cruceiros da Terra de Melide". Publicado no Boletín nº2 do Centro de Estudos Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.
- Broz Rei, xosé Manuel: "As igrexas de Melide". Publicado no Boletín nº 8 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1993.
-Broz Rei, Xosé Manuel. "A Terra de Melide".2001.