Cruceiro de Liñares

Cruceiro de Liñares

Información

Tipo: 
Cruceiro
Acceso a pé: 
Bo
Estado de conservación: 
Malo
Concello - Parroquia: 
Santiso - Santiago de Liñares
Situación detallada: 
Liñares
Cronoloxía: 
Século XIX

Coordenadas

Latitude: 
42º 53´ 14,06´´ N
Lonxitude: 
8º 3´ 31,51´´ W
X: 
576.859,04
Y: 
4.748.722,62
Indicacións: 

© dos colaboradores do OpenStreetMap

Descrición

Este cruceiro parroquial situado nun ensanchamento do camiño a modo de praciña, e a unha distancia tan so de 35 metros ó leste da igrexa parroquial de Santiago de Liñares, presenta un acusado mal estado de conservación e integridade. A comezos do ano 2020 foi obxecto da embestida dun vehículo o que lle supuxo danos na súa plataforma e mesmo a caída e fractura da súa cruz (polo que agarda por unha restauración específica). Mais os danos tamén se retrotraen a tempos anteriores como se pode ver no propio fuste ou varal que presenta claras evidencias de reparacións antigas (a dúas alturas), levadas a cabo por mor da fractura do mesmo. 

Hoxe conserva catro dos seus cinco elementos, aínda que se agarda pola pronta restitución da cruz. A estrutura parte dunha plataforma ou graderío de dous chanzos, o primeiro deles asentado sobre un banco de cachotaría rústica concibido para nivelar o asento, corrixindo o desnivel do terreo. O primeiro banzo consiste nunha grada de pezas rectangulares e bordes rectilíneos coas arestas suavizadas, sobre o que descansa unha segunda grada de perfil moldurado en baquetón. A continuación sitúase a basa ou pedestal, con perfil a media cana. Nese basamento insírese o fuste ou varal, de feitura bastante orixinal posto que presenta sección cadrada no arranque, traducíndose nunha sección ochavada ou octogonal. 

Na transición entre seccións dispóñense uns pequenos resaltes a modo de garras, e na parte superior do fuste, previamente ó capitel trázanse pequenas volutas nos chafráns. O capitel, de escaso porte, presenta planta octogonal e seccións molduradas. A cruz, perdida na actualidade, aparece recrucetada en senllas caras e conta con  remates florenzados.

Xosé Manuel Broz Rei encádrao na mesma tipoloxía que gran parte dos cruceiros da Terra de Melide datados entre finais do século XVIII e os comezos do século XX. Tamén recolle que se fai procesión ata el pola celebración do patrono da parroquia, o Apóstolo Santiago, e tamén pola Santa Ana, o día 26 de xullo.

BIBLIOGRAFÍA:

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Os cruceiros da Terra de Melide", publicado no Boletín nº 2 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 1983.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "A Terra de Melide", publicado no ano 2001.

- Broz Rei, Xosé Manuel: "Santiso na Terra de Abeancos", publicado no ano 2013.

 

Outros elementos do catálogo